En marcha o cuarto espazo de coworking de Celanova e Terras da Limia
xoves, 10 de xaneiro do 2019
- O coworking de Celanova nunha imaxe de La Región
A
EOI (Escola de Organización Industrial) e o IGAPE veñen de pór en
marcha, co novo ano, a
cuarta edición do espazo de traballo colaborativo (coworking)
de Celanova e Terras da Limia. A iniciativa, que conta con
financiamento do Fondo Social Europeo, o Ministerio de Industria e o
IGAPE, abranguerá sete meses de actividade: dende este mes de
xaneiro até xullo deste mesmo ano. Contará con diferentes tipos de
accións capacitadoras para axudar a converter os proxectos dos
participantes en realidades innovadoras de mercado: obradoiros sobre
metodoloxías áxiles, sobre micromecenado, sobre estratexias de
comunicacións en redes sociais, sobre creatividade e innovación ou
sobre mercadotecnia dixital.
Tamén
haberá seccións de formación en grupos dirixidas exclusivamente
aos participantes do coworking e nas que se traballará con
materias específicas para o impulso e despegue dos proxectos do
espazo de innovación colaborativa de Celanova e Terras da Limia.
Tamén se traballará con recursos financeiros para emprendedores,
habilidades de comunicación, xestión do talento, etc.
A
maiores, achegarase un servizo de asesoramento (mentoring)
por parte de expertos e centrado en acompañar ás emprendedoras e
emprendedores no deseño de modelo de negocio e na posta en marcha e
optimización do proxecto, “dando resposta ás necesidades que
xurdan no camiño”.
Amais,
celebraranse actividades encamiñadas a potenciar o networking
e compartir boas prácticas empresariais, contando coa experiencia
doutros emprendedores/expertos e empresarios. Asistencia de acceso
libre. Como peche á edición celebrarase unha xornada de
demostración (Demo Day) durante a cal presentaranse os proxectos
participantes no espazo de coworking, a súa evolución e as
posibilidades de colaboración cos mesmos.
Estímanse
en 22 as emprendedoras e emprendendores que poderán participar nesta
convocatoria.