En marcha o Portal das Familias, a web para informar de todo o relativo á educación galega

luns, 4 de novembro do 2019 Redacción

Estes días púxose en marcha un novo espazo web que funciona de porta informativa e participativa ao sistema educativo galego. Trátase do Portal das Familias, activado pola Consellería de Educación co obxectivo de dar conta, de maneira directa e áxil, de “todos os aspectos da educación en Galicia que son de especial interese para o alumnado, as nais e máis os pais”.
Aspectos como por exemplo o proceso de matriculación dos fillos nos distintos niveis educativos (ben sexa para as etapas de Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato, ou para Formación Profesional, ensinanzas de Adultos, de Idiomas ou ensinanzas Artísticas e Deportivas), as datas de matrícula, a documentación esixida, os criterios de baremo, a asignación de prazas, etc. Tamén se informa dos títulos ofertados en toda Galicia, os procesos de homologación de títulos ou o pagamento de taxas para a expedición de títulos, de certificados de estudos, entre outros.
Así mesmo, o Portal das Familias inclúe un apartado específico onde se dá conta de todas as convocatorias de axudas ás que pode acceder o alumnado en Galicia, segundo o tipo de ensino, ou mesmo sobre os recursos educativos complementarios de transporte e comedor; así como dos premios promovidos pola Consellería e os requisitos e trámites para optar a eles.
O portal web inclúe outros apartados como a sección do AbalarMóbil, a aplicación que permite ás familias consultar información dos seus fillos a través do teléfono móbil (sobre os horarios das materias, titorías, cualificacións, faltas de asistencia,...), ou unha ligazón específica de interese para as propias familias (Espazo Familias) e outro para o alumnado (Espazo Alumnado).

PUBLICIDADE