En marcha nos concellos de Pontevedra o proxecto para a xestión intelixente dos activos da provincia

luns, 16 de marzo do 2015 Redacción

A semana pasada organizouse na Deputación de Pontevedra unha xornada de traballo sobre depoGAP: Xestión de Activos da Provincia de Pontevedra. Na xuntanza participaron arredor de dous centos de persoas: alcaldes, enxeñeiros e técnicos dos concellos, o presidente do organismo provincial, Rafael Louzán, e o xefe do Servizo de Novas Tecnoloxías, Amancio Varela, a deputada Begoña Estévez e máis os expertos e os responsábeis da firma adxudicataria do proxecto en cuestión. Na reunión, o presidente definiu o proxecto como “unha decidida aposta pola xestión intelixente dos bens e activos da provincia”. Tamén fixo saber que esta semana que comeza unha ducia de equipos de 112 profesionais cada un comezarán a desenvolver a iniciativa nos concellos da dita contorna xeográfica.
Como lembraremos, depoGAP é un proxecto de base tecnolóxica, cofinanciado nun 70 % con fondos FEDER, destinado “a mellorar os servizos públicos prestados a través da implementación dun novo modelo innovador de xestión intelixente dos seus activos provinciais (edificios públicos, instalacións polideportivas e mobiliario urbano, entre outros) mediante a colaboración dos concellos e a participación dos cidadáns na xestión municipal”, sinalou no seu día a Deputación.
Na xuntanza da semana pasada, o presidente salientou que o proxecto “dotará os concellos de información que lles permitirá optimizar a xestión dos seus activos e lles axudará a tomar decisións eficientes sobre eles”. Subliñou tamén que “fomentará a participación dos cidadáns na Administración e que lles permitirá adquirir o coñecemento necesario sobre a eficiencia enerxética, para diminuír así o gasto e o impacto medioambiental a través do uso eficiente dos activos públicos”.
Pola súa banda, Amancio Varela fixo saber que DepoGAP abrangue o desenvolvemento dun inventario de activos nos concellos e na propia Deputación; amais da integración e posta en marcha dunha plataforma tecnolóxica á que terán acceso os concellos para xestionar os seus activos, un cadro de mando integral para facilitar a toma de decisións municipais, e un portal e unha aplicación para dispositivos móbiles que permitan a participación cidadá. “Ademais”, dixo, “tamén inclúe a realización de probas piloto de eficiencia enerxética sobre diversos ámbitos coma a iluminación pública ou as infraestruturas deportivas, o que xerará o coñecemento necesario para mellorar a súa xestión”. Segundo engadiu o xefe do Servizo de Novas Tecnoloxías, con DepoGAP "a provincia de Pontevedra será a primeira Administración intelixente de España".

PUBLICIDADE