En marcha no Campus de Ourense a Technium Lan Party

xoves, 4 de maio do 2017 Redacción

Hoxe comezou a quedada informática do Campus de Ourense, a xuntanza Technium Lan Party, que se vai desenvolver até o domingo 7 de maio e que este venres vai coller pulo con diferentes actos oficiais e actividades de lecer, divulgativas e formativas.. O encontro TIC, que ten lugar no Pavillón de Deportes do Campus, vén da man da Asociación Sectorial de Estudantes de Enxeñaría Informática coa colaboración da Escola Superior de Enxeñaría Informática e da Vicerreitoría do Campus. A cita insírese desta volta na programación da ICC Week, punto de encontro das industrias culturais e creativas organizado pola Deputación Provincial de Ourense.
A Technium Lan Party é un grande encontro de lecer dixital que xunta centos de mozos e mozas cos seus ordenadores para compartir información e xogos e celebrar torneos e concursos. A actividade na quedada desenvolverase de xeito ininterrompido ao longo das 24 horas dos días de celebración, habilitándose zonas de descanso, de lecer e recreo con diferentes actividades. Respecto das achegas técnicas, as persoas que se acheguen cos seus ordenadores terán conexión de fibra óptica de altas prestacións, cunha zona interna de conexión a rede eléctrica e Internet. Por contidos, celebraranse torneos das principais prácticas deportivas en liña (eSports), por equipos e individuais, tanto en PC como nas distintas consolas, e máis de 4.000 euros en premios.

PUBLICIDADE