En marcha dúas novas ferramentas para achegarnos á saúde pública

xoves, 12 de abril do 2018 Redacción

Imos ter dous novos servizos dixitais para que haxa menos atrancos entre nós e a saúde pública. Así o fixo saber hoxe o Goberno galego da man do seu titular, Alberto Núñez Feijóo, quen presentou en detalle os dous ditos servizos: Saúde Móbil e Contacte. O primeiro, que xa está dispoñíbel para a súa descarga para móbiles e tabletas con Android e iOS, abrangue todas as aplicacións que xa ofrecía o SERGAS. Ou sexa, os servizos E-Saúde, SIGUE, Urxencias Sanitarias de Galicia e VacGal.
Segundo fixo saber o presidente, a ferramenta operará “como xanela única para os servizos dixitais da sanidade pública galega”, achegándonos ás últimas novas relativas ao SERGAS e ás redes sociais dos organismos que dependen da consellería. Isto complementarase cunha opción para recibir novas e avisos.
Contacte, pola súa parte, será unha canle única para facer contribucións ou reclamacións ao sistema público de saúde. En palabras de Núñez Feijóo, “dáse con este servizo un importante paso para canalizar as valoracións dos cidadáns sobre a atención que reciben”. Baixo o epígrafe Ti consultas, ti reclamas, ti suxires: nós respondemos, o servizo Contacte permitirá aos usuarios trasladar preguntas, críticas ou suxestións de maneira anónima ou identificada de modo dixital, sexa con certificado, co DNI electrónico ou con Chave365. O sistema ficará accesíbel na web do SERGAS, www.sergas.gal, na plataforma E-Saúde ou na aplicación Saúde Móbil.

PUBLICIDADE