En marcha dúas novas accións para promover o galego: unha nos medios e outra nos centros educativos
martes, 8 de novembro do 2011
A Secretaría Xeral
de Política Lingüística vén de informar polo miúdo de varias
actividades para promover o galego en diversas canles e formatos de comunicación,
incluídas as dixitais. Por unha banda, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo comunica
o seu apoio a unha nova entrega, a segunda, do certame Minicontos De Luns a Venres
Outono, unha actividade que
xorde co obxectivo de afianzar a nosa lingua nos medios do país, tradicionais e
dixitais, con contadas excepcións centrados case exclusivamente en potenciar o
castelán. O certame vén da man do Centro Pen de Galicia e o xornal LV De
Luns a Venres. Este concurso diríxese ademais a achegarlles aos
lectores as obras de autoras e autores noveis e consagrados que escriben en
galego. “Trátase polo tanto”, informa
Política Lingüística “dunha iniciativa
que nace para ampliar os horizontes da lingua e da cultura galegas a través do xornal
gratuíto en galego, LV. De Luns a
Venres”. Por outra banda, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo tamén
anuncia
a posta en posta en marcha dun concurso de carteis para celebrar nos centros
educativos o Día das nosas Letras.
Esta segunda
actividade consiste en propoñer a elaboración dunha mostra arredor da obra, da
época e da lingua de Valentín Paz Andrade, autor homenaxeado o 17 de maio do
ano que vén, “así como da situación
sociolingüística do momento no que viviu”, infórmase. Segundo se recolle
nas bases da convocatoria –que poden consultarse na páxina web da secretaría xeral e
no portal educativo– o concurso conta
con dúas categorías: nunha delas poden participar os centros de educación
infantil e primaria, e a outra está dirixida aos centros de educación
secundaria obrigatoria, bacharelato e formación profesional específica. Os
centros educativos nos que se imparta educación infantil, primaria e secundaria
poderán concursar nas dúas categorías.
A mostra que
presente cada centro deberá estar constituída por un total de 10 carteis de
70x50 centímetros. “Para cada un deles”,
informa a secretaría, “elaboraranse unha
serie de actividades para guiar a súa observación e fomentar o labor de
investigación do alumnado, que se xuntarán á exposición en forma de guía ou
cuestionario”. Os grupos de traballo que elaboren as exposicións gañadoras
recibirán cadanseu premio en metálico por importe de 3.000 euros. Ademais, a
mellor exposición de cada unha das categorías será imprimida e distribuída en
máis de 1.600 puntos de Galicia e do exterior, tales como centros de ensino,
centros de estudos galegos, centros da emigración, bibliotecas municipais e
casas da cultura, entre outros.Todos os centros que estean interesados
participar nesta iniciativa poderán facelo ata o 16 de xaneiro, día en que
remata o prazo para a admisión dos traballos.
As bases do concurso de relatos
Volvendo ao
concurso de relatos co que abrimos este artigo, dicir que as persoas
interesadas poden participar no mesmo ata o 15 de decembro, día en que remata o
prazo de admisión dos relatos. Os traballos, que deberán ser inéditos e estar
escritos en galego, non poderán exceder os 1.200 caracteres. O concurso
premiará os tres mellores minicontos con tres galardóns: o primeiro dotado con
600 euros, o segundo con 300 euros e o terceiro con 100 euros.
Cada autor ou
autora ten a opción de concursar cun máximo de tres minicontos. Só un deles
poderá ser seleccionado polo xurado, que estará composto por un xornalista
representante do xornal LV. De Luns a Venres, un escritor membro do
Centro PEN de Galicia e outras tres persoas relacionadas co ámbito da literatura
galega.
O resultado do
certame farase público a finais de decembro de 2011 e os minicontos gañadores
serán publicados no gratuíto galego e na súa edición dixital. No inicio do ano
que vén terá lugar o acto literario no que se fará entrega dos galardóns.
357 minicontos
na primeira edición
A secretaría xeral
colabora con este certame desde a súa primeira edición, na que participaron un
total de 357 relatos en galego procedentes de diversos países, entre eles
Alemaña, Holanda, Francia, Arxentina e Uruguai. Nesa primeira edición, o texto No
ventre morno do río, de Silvia Álvarez Baamonde, levou o primeiro premio; Controladores
e calendarios, de José de La Torre Culler, acadou a segunda distinción; e Calcio,
de Eugenio Alonso Álvarez, recibiu o terceiro galardón.