En marcha dende Galicia un sistema intelixente e automatizado para cría de peixes en mar aberto

martes, 16 de marzo do 2021 Redacción

A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN) Patricia Argerey, asistiu na mañá deste 15 de marzo á xornada de peche do proxecto Seafeed: Alimentador flotante para acuicultura, apoiado con máis de 600.000 euros a través de Conecta Peme (GAIN). A cita en Moaña consistiu nunha visita ao sistema flotante de alimentación para acuicultura no mar desenvolvido no marco do proxecto por un consorcio de empresas liderado por Feeding Systems, coñecida co nome comercial Fish Farm Feeder. Segundo a compañía, trátase do primeiro sistema autónomo e intelixente para o mantemento de gaiolas de cría de pequeno e mediano tamaño tanto en mares como lagos, instalado nunha plataforma flotante enerxeticamente eficiente.
Este sistema, engadiu a empresa, permitirá optimizar os procesos de alimentación en acuicultura mariña a través da aplicación dun modelo virtual de xestión intelixente que emprega técnicas de aprendizaxe automática e permite un control completo sobre o proceso. Ademais, “posibilita a mellora continua dos procesos produtivos a través do uso dun software de xestión e adáptase facilmente a calquera tipo de instalación acuícola mariña, con independencia do seu tamaño, da especie cultivada e da natureza do penso de engorde”, detallaron os responsábeis de Feeding Systems, engadindo que o sistema está instalado sobre unha plataforma de baixo tonelaxe, eficiente, segura e autónoma, grazas a un sistema de xeración de enerxía eléctrica a partir de renovábeis.
A tecnoloxía que hai detrás foi desenvolta polo consorcio integrado polas empresas galegas Feeding Systems, Quantum Innovative, Engranor e Montajes Cancelas, coa colaboración dos grupos de investigación da Universidade de Vigo CIMA e ECIMAT. Cada un dos socios participou naquilo no que ten máis experiencia: Engranor construíu o dosificador de alimento; Montajes Cancelas encargouse da plataforma flotante; Quantum Innovative, dos sistemas de alimentación eléctrica; e a xestión do conxunto e a ensamblaxe final recaeu sobre Feeding Systems.

PUBLICIDADE