En marcha aomm.tv, plataforma para practicar o exercicio de relación que máis nos conveña

martes, 4 de xuño do 2013 Fernando Sarasketa

De xeito paradoxal, as novas tecnoloxías, en certa maneira símbolos da vida acelerada que levamos, están a canalizar arestora múltiples xanelas ao lecer e á relaxación no sentido máis estrito do termo. Un exemplo disto último é aomm.tv, unha especie de remedio para o ritmo que adoitan amosar hoxe as cousas, cuns horarios laborais e unhas obrigas persoais que tampouco é que deixen moita marxe para extraer de nós a tensión amoreada. Máis polo miúdo, aomm.tv é unha canle para practicar exercicios de ioga ou pilates sen necesidade de estarmos onde o resto da nosa clase, grupo ou equipo. A plataforma, desenvolvida en España pola empresa do mesmo nome (co apoio da incubadora internacional Founder Institute), achega prácticas guiadas do devandito, en liña e a calquera hora do día.
Está indicada, ademais, tanto para persoas que se inician neste tipo de exercicios corporais-espirituais como para os que xa están na fase de perfección das diferentes técnicas. Segundo fan saber os responsábeis destes desenvolvemento, a plataforma dispón dun amplo catálogo de clases e sesións guiadas, achegándose infinitas posibilidades de adaptación ás necesidades de cada internauta. Aomm.tv, engaden, permite configurar a actividade elixindo estilo, duración da clase, nivel, profesor e obxectivo a conseguir. A plataforma xa está dispoñíbel a un prezo de promoción de 6 euros ao mes, que permite acceder de de forma ilimitada a todos os seus contidos. Ademais, semanalmente a web actualiza os seus contidos con novas clases e prácticas.

PUBLICIDADE