En marcha a web do proxecto que amosa o antes, o agora e o despois da nosa música: Punto e Volta

luns, 20 de febreiro do 2017 Redacción

A Bolsa Nacho Mirás de Novos Xornalistas, iniciativa que rende homenaxe a un dos comunicadores máis senlleiros e loitadores da nosa terra, segue impulsando proxectos de gran interese. Se hai uns días falabamos en Código Cero da posta en marcha de do mapa dixital dos medios galegos, hoxe informamos do despegue definitivo de Punto e Volta, proxecto audiovisual artellado por catro xornalistas e dirixido a “explorar as mudanzas na música e o baile tradicionais de Galicia a través de pequenas entrevistas”. Segundo nos conta hoxe o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, entidade impulsora da Bolsa Nacho Mirás (xunto con Abanca), Punto e Volta estreou web de seu.
A través dela xa podemos acceder ás primeiras entrevistas xeradas ao abeiro do proxecto, acompañadas de vídeos de pezas musicais e bailes. Segundo engaden os Xornalistas de Galicia, as persoas enquisadas forman parte da historia e do presente do patrimonio cultural galego, “alumnas/os, educadoras/es ou garantes da cadea de transmisión oral”, persoas de todas as idades que a partir de xa teñen un espazo web dispoñíbel para dar conta do seu coñecemento, da súa experiencia e do seu legado.
A páxina web de Punto e Volta divídese en dúas seccións. A primeira é a das entrevistas, artelladas en vídeos curtos clasificados por temáticas, que en palabras dos xornalistas impulsores da plataforma “tentan dar resposta a distintos interrogantes como a evolución da cadea de transmisión da cultura popular galega, os cambios experimentados no ensino da música e do baile tradicionais, os roles de xénero no baile ou a traxectoria vital das persoas entrevistadas”.
A segunda sección da web é “a das pezas e bailes coas que estas persoas axudaron a enriquecer o proxecto”.
Lembrar que Punto e Volta é unha iniciativa das xornalistas Olaia Tubío, Alejandro Gándara, Raquel Pérez e David Fontán.

PUBLICIDADE