En marcha a televisión en liña de Mundos Dixitais, escaparate galego da animación independente

martes, 27 de marzo do 2007 Fernando Sarasketa

Mundos Dixitais, o festival de animación da Coruña que este ano se celebra entre o 3 e o 7 de xullo, comezou xa a dar certos sinais de actividade, sobre todo nun eido onde cada ano que pasa ten máis presenza: Internet. Un exemplo diso é a posta en marcha de www.mundosdigitales.tv, unha canle de televisión en liña que xa está operativa (mais non en galego, e agardamos que axiña se corrixa esta eiva) e que ten o obxectivo de servir de “altofalante” para obras vinculadas á animación, ós efectos especiais e ós videoxogos. É dicir: estamos a falar dunha TV que lle sae ó paso ó espectador denantes de que este a procure, e que proxecta en liña as pezas xeradas dende o propio festival, así como obras de estudos e artistas independentes de todo o mundo.
A nova canle é unha iniciativa de Ilux Visual Technologies e foi desenvolvida no eido tecnolóxico pola empresa galega LambdaStream, especializada en innovación multimedia e en TV interactiva. A iniciativa conta tamén co apoio da Fundación Caixa Galicia, a Universidade da Coruña e a Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual da Xunta. Precisamente por ser un proxecto vinculado estreitamente a Mundos Dixitais, a web servirá tamén como canle de información das actividades que no festival se dean, a partir do 3 de xullo. Así, achegará todo tipo de contidos como resumos da xuntanza, entrevistas ós relatores ou as curtas de animación máis salientables alí presentadas. A tecnoloxía empregada pola web é a da plataforma inVoDKA.tv da dita empresa galega LambdaStream.

PUBLICIDADE