En marcha a páxina web definitiva dos xogos populares galegos

xoves, 11 de novembro do 2021 S. P.

O Consello da Cultura Galega e o Observatorio do Patrimonio Lúdico veñen de unir forzas para dar unha nova e perdurábel vida aos xogos tradicionais da nosa terra. Farano poñendo o foco nos principais faladoiros actuais da poboación xuvenil: os faladoiros en liña. O resultado deste labor conxunto do CCG e o observatorio é Xogos tradicionais unha páxina web e unha aplicación móbil dispoñíbel para Android e Apple.
Tanto unha ferramenta coma outra conteñen información de medio centenar de xogos que se poñen a disposición da cidadanía, entre os que se atopan, entre outros moitos, a pita cega o puño puñete, a petanca, a chave ou a cadeira de raíña. Tamén hai propostas para empregar con diversos trebellos, como a mítica billarda, de cuxos procedementos se nos informa polo miúdo.
A proposta foi dada a coñecer este 11 de novembro por Rosario Álvarez; o coordinador técnico, Manuel Gago; e dous representantes das diferentes entidades que integran o Observatorio, Paco Veiga e Xosé Manuel Barreiro.
Ademais, Manolo Charrancas da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional, lanzou o peón máis pequeno do mundo.
Por certo que o CCG e o observatorio non elixiron por casualidade a data do 11 de novembro para presentar esta iniciativa lúdico-tecnolóxica, xa que coincide coa festividade de San Martiño, unha celebración que de antigo vén acompañada dun refrán que é un convite inequívoco a brincar: Polo San Martiño peóns ao camiño. Segundo se fixo saber na presentación, alén do medio centenar de xogos populares que acubilla a web e a aplicación de partida, estas permiten máis dun centenar de combinatorias. O proxecto nace coa intención de “revitalizar o seu uso para que volvan formar parte do día a día da nosa sociedade” apuntou a presidenta Rosario Álvarez. Unha idea na que tamén incidiu Paco Veiga, do Observatorio do Patrimonio Lúdico, que concretou que “a idea é que nun minuto se poida poñer en práctica o xogo”.
Non un simple catálogo
O proxecto non é un catálogo, sinalaron, engadindo que en realidade foi concibido “para que os xogos poidan ser recuperados e usados, achegando un apoio para nais, pais e docentes que queren incorporar os ancestrais xogos da nosa cultura ao acervo familiar, para que poidan consultala con facilidade en interior e en exterior, no rural e no urbano”.
Álvarez e Veiga tamén salientaron o feito de que as propostas lúdicas incluídas non “están descritas”, senón que veñen cunhas mínimas indicacións para “entender a esencia do xogo e unha serie de ilustracións que serven para explicar o xogo e que axudan máis que as propias fotografías”. A ilustradora é Nuria Díaz (Vilagarcía de Arousa, 1982).
Manuel Gago, responsábel técnico do proxecto, apuntou na presentación que se realizará unha actualización anual e explicou a distribución interna dos contidos. Así, dixo, os diferentes xogos están clasificados por idades (as diferentes idades da vida), por obxectivos (grandes categorías de xogos) e por tipos de xogos máis miúdos.
A aplicación de Xogos Tradicionais pode descargarse de balde desde a App Store e desde a Play Store de Android, así como desde a súa páxina web.
As entidades
O proxecto é o resultado da colaboración do Consello da Cultura Galega co Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego, entidade que agrupa á Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional (AGXPT), a Asociación de Xogadores/as da Chave da Santiago; a Brinquedia, Rede Galega do Xogo Tradicional; o Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA), de Ponteceso; a Odaiko Krea, SL; o recuncho das argalladas, museo de Vilanova de Lourenzá; a Xogos Populares e Tradicionais (Santalla - A Pontenova) e a Xogos Tradicionais Muimenta (XOTRAMU), máis a unha serie de persoas a título individual (Antón Cortizas Amado, investigador dos xogos e xoguetes tradicionais; Apolinar Graña Varela, investigador da Universidade de Navarra; Carmela Sánchez Aríns, investigadora e técnica do patrimonio; Ismael Álvarez López, investigador da Universidade de Burgos; Manuela Vázquez Coto, investigadora da Universidade da Coruña). Ademais, colaborou poñendo os xogos en imaxes Antonio Ferrer Moreira, do CEP Campolongo de Pontevedra.

PUBLICIDADE