En marcha a Rede Social Peregrina con 2.300 internautas inscritos

mércores, 3 de novembro do 2010 Fernando Sarasketa

Redes sociais hai para cada actividade humana que imaxinemos. Con máis razón, a máis persoas levando a cabo esa actividade no plano real, máis grande será a rede social que logo lles dea acubillo no plano tecnolóxico. O Camiño de Santiago, pola súa condición multitudinaria e con independencia do punto de vista dende o que se mire (relixioso ou laico, turístico ou non turístico), ten un potencial na Rede que non ten case ningún outro camiño. De aí xorde, precisamente, unha nova comunidade en liña con raizame galega que xa conta con 2.300 peregrinos subscritos e un importante volume de información xerado a pé de campo. En detalle, a rede en cuestión xa dá acubillo a 15.000 fotografías, 200 vídeos e unha boa cantidade de bitácoras persoas e foros de discusión. A iniciativa, chamada Rede Social Peregrina, permite ademais formar grupos de traballou ou viaxe, a posta en marcha de páxinas webs propias, o uso directo de sistemas de correo persoais ou o fornecemento de fotografías e vídeos dende o móbil.
Segundo informa o galego Mario Rodríguez Gesto, da firma FullProjects (responsable desta rede social), dende a nova comunidade en liña tamén se desenvolveron proxectos que de non contar coas achegas colaborativas dos internautas dificilmente se terían posto en marcha, como por exemplo a Colección Universal de Selos e Igrexas de Santiago, o proxecto CamiñoPedia, a Escolma de tódolos Camiños ou a ferramenta Radio Camiño. Estas iniciativas, que en breve sairán á luz, están xa a vista e en fase de desenvolvemento na propia rede social. Este carácter da plataforma como obradoiro de ideas é a xuízo de Mario Rodríguez un dos principais valores da mesma, unha iniciativa que achega moito “interese para todas as persoas interesadas nas vantaxes de comunicación das novas tecnoloxías do coñecemento, con independencia de se son peregrinas ou non”, comenta.

PUBLICIDADE