En marcha Setestrelo, a canle de divulgación científica do Consello da Cultura

luns, 6 de xullo do 2015 Fernando Sarasketa

Galicia quere ciencia e desta demanda xorde directamente a nova canle en liña de divulgación científica presentada este luns en Raxoi polo Consello da Cultura Galega, que se suma ás xa existentes de audiovisual, literatura, música, arte e banda deseñada. “Desta demanda”, aclarou na cita cos medios a escritora e docente Marilar Aleixandre, “e da necesidade de fomentar vocacións investigadoras entre a nosa mocidade, especialmente entre as mulleres”. Segundo confirmou na cita Manuel Gago ao fío da orixe do proxecto, “constatouse a existencia dun público cada vez máis amplo que demanda na nosa terra contidos científicos, e isto é moi esperanzador”. A canle chámase Setestrelo, que é o nome en galego da constelación coñecida como Osa Maior, lembrou Aleixandre.
Detrás da web, que se visualiza a través de culturagalega.gal, atópase a Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do CCG, que achegará ao novo espazo en liña unha periodicidade cuadrimestral para os temas en profundidade e un ritmo “moito máis áxil” para a actualidade científica. Polo tanto, combinaranse textos xornalísticos sobre o tempo presente (ou o tempo pasado con conexións directas ao que acontece nos nosos días) con textos de investigadores galegos que explicarán en primeira persoa a súa experiencia e os seus proxectos.
Na presentación da iniciativa participaron Francisco Díaz-Fierros, vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Marilar Aleixandre, membro da sección de Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade, Manuel Gago, director de Culturagalega.gal e Iolanda Casal, xornalista especializada en divulgación científica. Esta última afondou nos contidos da primeira reportaxe que se subministra a a través da nova canle, que é un percorrido pormenorizado pola primeira visita na historia dun Premio Nóbel á nosa terra, máis polo miúdo Erwin Schrödinger, físico austríaco ao que tivemos a sorte de acoller (temporalmente) en 1934 e cuxa visita coincidiu casualmente co espertar de Galicia á investigación científica. “Foi un intre de efervescencia cultural e científica”, sinalou Casal, e ese espírito é o que se quere recuperar e transmitir para esta nova canle en liña do CCG. Segundo engadiu a investigadora, os piares da iniciativa son os seguintes: por unha banda fornecer xornalismo científico e, pola outra, abrir unha xanela ás achegas dos nosos científicos e ás súas investigacións.

Schrödinger impartindo a charla sobre mecánica ondulatoria na Universidade de Santiago de Compostela

Neste primeiro número, amais de Iolanda Casal, tamén participan Cibrán Santamarina, profesor do Departamento de Física de Partículas da USC; Patricia Conde, investigadora do Laboratório de Instrumentação e Física Experimental de Partículas de Lisboa; e Xabier Cid Vidal, investigador do CERN.
Na presentación tamén participou Manuel Gago, quen logo de falar dos porqués da posta en marcha da nova canle, abordou a metodoloxía a seguir. É dicir, o tratamento (“moi especial”, dixo) que se vai facer da información científica coa que se conte. Haberá, dixo, tres puntos de vista fundamentais. Primeiro os monográficos científicos, con conexións á nosa realidade na ciencia e a cuestións que estean arestora de actualidade. Serán achegas na liña da reportaxe sobre a visita de Erwin Schrödinger á nosa terra, que nesta sección concreta ten moito de modélica. Segundo explicou Gago, serán reportaxes moi traballadas e que buscarán tamén a resposta directa e a colaboración das lectoras e lectores. En segundo lugar, haberá actualidade científica, e en terceiro lugar, un libro electrónico para tabletas e móbiles que será o noso xeito de carretar a canle de divulgación da CCG a onde queiramos e cando queiramos.

PUBLICIDADE