En marcha Minileaks, o portal colectivo de denuncia contra as discriminacións

luns, 18 de xullo do 2011 Fernando Sarasketa

Wikileaks basea unha boa parte do seu éxito na Rede no feito, incuestionábel, de que hai unha manchea de trapos sucios que amosar entre os altos estamentos do poder e a nivel internacional. E habelos, hainos, co que se cadra o problema é que hai de máis. Limitar o eido de acción a unha zona xeográfica concreta ben pode ser unha boa alternativa. É o que se pretende facer, precisamente, dende Minileaks, unha nova plataforma en liña de comunicación que centra o seu eido de seguimento no contexto hispano.
Os trapos que poñer a airear non van ser poucos, pero probablemente se gañe en especifidade sobre un contexto, o español, que non é unha das máximas prioridades de Wikileaks e do que estamos desexando, porqué non dicilo, máis fiabilidade nas informacións.
Segundo avanzan os responsábeis de Minileaks, a fiabilidade será, precisamente, un dos piares básicos da proposta. Cousa que ten especial importancia se temos en conta o difícil que é, a día de hoxe, atopar un medio de comunicación que non achegue datos tersivexados por múltiples intereses.
Segundo apuntan nunha entrevista coa Axencia Efe (reflectida por Galicia Hoxe) os xornalistas Eduardo Laporte e Íñigo Antolín, creadores da iniciativa en liña, un dos obxectivos fundamentais é promover a transparencia informativa a través da achega de datos salientábeis que poñan de relevo os abusos que vaian alén do litixio persoal que supoñan un ataque á dignificade humana.
Informar que Minileaks está aberto, igual que outros proxectos semellantes, á cooperación total dos internautas. A proposta, que por agora se mantén soa e sen doazóns (aínda que en canto medre os precisará, contan os seus creadores), centrarase en cuestións como a denuncia das discriminacións sociais en calquera das súas moitas facetas. Os autores do portal aseguran a confidencialidade da denuncia amais de garantir a súa difusión.

PUBLICIDADE