En marcha Little Smart Planet, plataforma de xogos educativos para nenos baixo supervisión dos pais
martes, 16 de decembro do 2014
Con vistas a esta Nadal,
vénse de presentar estes días a plataforma Little
Smart Planet, unha plataforma española de subscrición de
xogos móbiles para nenos de Primaria. O servizo, que vén da man do
mozo emprendedor Juan Baixeras, foi creado para que as nenas e os
nenos tivesen por unha banda xogos novos ao seu dispor e, pola outra,
unha plataforma de seguimento que lles facilitase un uso ideal das
devanditas achegas grazas ao tutelado dos profesores, das nais e dos
pais.
A orixe de Little
Smart Planet está no intre en que Baixeras decatouse de que os
seus propios fillos reclamaban a tableta ou o móbil para xogar. A
pregunta que veu despois pois foi: Por que non aproveitar este
interese dos cativos polos dispositivos e mesmo canalizalo cara un
fortalecemento do aprendido no colexio? O resultado é un feixe de
xogos que, sen ser deberes, si que teñen un importante alicerce
didáctico. De feito, contaron para o seu desenvolvemento cun equipo
pedagóxico específico.
“Para os pais e
educadores”, sinala Juan Baixeras, “Little Smart Planet
supón unha ferramenta de confianza para poder coñecer a evolución
dos nenos no xogo. A plataforma segméntase en tres xogos por materia
por cada curso, dentro de cada un deles os nenos deberán superar
catro niveles. En total, poderanse descargar e gozar de 18 xogos por
trimestre, é dicir 54 para acompañar aos nenos en todo o ano
escolar.
Little Smart Planet,
máis en detalle, é unha plataforma de subscrición de xogos móbiles
para nenos de Primaria (6 a 11 anos) que lles permite ter intres de
lecer xogando ao mesmo tempo que reforzan tres das materias troncais
impartidas nos colexios: matemáticas, lingua e inglés. Os xogos,
cuxos contidos e obxectivos foron fixados polo equipo de pedagogos de
Little, baséanse no Deseño Curricular Base que o Ministerio
de Educación (MCU) establece para todos os centros escolares. Amais
disto, Little Smart Planet é, en palabras dos seus creadores,
“unha completa ferramenta para pais e educadores e que lles permite
coñecer os resultados do neno no xogo, porque o sistema de medición
presta atención á consecución dos obxectivos curriculares para
cada curso e etapa, sen perder de vista a adquisición das
Competencias Básicas que a lexislación educativa establece acorde á
Unión Europea”.
A plataforma adáptase a
todo tipo de formatos, tecnoloxías e dispositivos. Amais, está
dispoñíbel para tabletas ou smartphones, tanto nas tendas de
Apple Store e Google Play, como en Windows Phone Store e Amazon. O
servizo de xogos é de subscrición cun custo de 3,99 euros ao mes
con quince días de proba de balde. Para os clientes de Movistar o
prezo sería de 0,99 (IVE incluído) á semana.