En marcha Fibrarianxo.com, punto informativo de novas tarifas e servizos a disposición da veciñanza rianxeira

venres, 31 de decembro do 2021 S. P.

Pizpireta Telecom, con sede no número un da rúa Rafael Calleja da Pobra do Caramiñal, será a empresa encargada de dar cobertura integral de telecomunicacións en Rianxo. Farao a través da marca FibraRianxo, da que falamos os días pasados con motivo da súa presentación, e co desafío de de levar Internet de calidade a todas as vivendas e empresas do termo municipal.
Con motivo deste lanzamento activouse unha nova páxina web, Fibrarianxo.com, na que podemos ver todas as tarifas postas en xogo, tanto para móbil (10,95 euros ao mes, incluíndo 14 GB de datos, e chamadas ilimitadas), como para fibra e móbil (36,95 euros ao mes incluíndo 600 Mbps de velocidade no caso de Internet e 25 GB de datos para móbiles, máis chamadas ilimitadas) como o paquete exclusivo para zonas rurais (dende 14,95 euros ao mes). Tamén se poñen en xogo servizos de televisión.
A operadora da Pobra explica e resume as vantaxes destas novidades deste xeito: “Se vives no concello de Rianxo e queres ter unha Internet de calidade, este será o novo selo local no que poderás confiar”. Podemos ver máis información na web do Concello de Rianxo.
A orixe do proxecto
Estas melloras no servizo dispoñíbel en Rianxo son o froito do traballo conxunto entre o Concello e a firma galega RedeAberta.gal, operadora neutra de telecomunicacións galega (traballa con administracións e entidades, habilitando infraestrutura e tecnoloxía). O obxectivo foi despregar unha rede neutral de fibra óptica e levar, en última instancia, Internet de alta velocidade a todas as parroquias e vivendas do termo municipal (e así rematar coa fenda dixital no concello, dinamizar o territorio e evitar o despoboamento no rural). O proxecto conxunto deu como resultado nesta recta final de ano á que sería a primeira teleoperadora local, FibraRianxo.com, que sería, a través da pobrense Pizpireta, a empresa de telecomunicacións encargada de fornecer de servizos de Internet aos fogares e empresas locais.
Segundo comunicou o Concello, a rede empezarase a despregar ao longo de 2022 en 3 fases, ata chegar "ata a última casa da última aldea", seguindo a mesma filosofía que RedeAberta está a desenvolver noutros concellos nos que xa ten presencia.
Con esta colaboración o Concello de Rianxo pretende axudar “na solución dos problemas de cobertura de redes de alta velocidade que sofren non poucos núcleos rurais e incluso urbanos do municipio”.

PUBLICIDADE