En marcha Atoupa.es, o buscador-dinamizador da Costa da Morte

martes, 13 de xaneiro do 2009 Fernando Sarasketa

A Rede galega segue a medrar, e en ocasións con ferramentas específicas que reflicten certo grao de madurez. E todo malia os atrancos históricos que aquí temos: atrancos que teñen que ver co desleixo de certas empresas e entidades por levar o acceso á Internet a todos os recantos da nosa terra. Leas aparte, a Rede galega vaise abrindo camiño (malia todo) e mesmo alí onde a oferta de conexión a Internet non é precisamente do mellor e máis completo. É o caso da Costa da Morte, que vén de acoller a aparición dun buscador específico para esta ampla comarca galega e que, polo tanto, inclúe un servizo de procura propio con palabras ligadas de xeito directo a esta área xeográfica. Falamos de Atoupa.es, portal creado por Laborábit, firma con emprazamento en Cee e especializada na posta en marcha de software propio para a xestión empresarial e espazos en liña corporativos.
A iniciativa, que xa está en activo dende Nadal, foi referenciada os días pasados por El Correo Gallego nunha extensa reportaxe. Nela dásenos conta dos obxectivos principais da proposta: achegar á comunidade internauta galega unha ferramenta útil que, ademais disto, sexa un espazo de comunicación e un atopadoiro para todos os internautas que por razóns de traballo ou de lecer teñan o seu ámbito de actuación na Costa da Morte.
A ferramenta Atoupa.es, que está a ser lanzada promocionalmente cunha campaña que semella dirixida a afianzar o uso de Internet na devandita bisbarra atlántica (o seu lema é Todos na Internet), ofrece a maiores un servizo de aloxamento web para as empresas cen por cen de balde. Con este obxectivo, e como xeito particular de impulsar o uso da Rede até nas empresas dos sectores que máis se resisten a deixarlle paso, inclúense no portal unha serie de recursos para crear unha páxina propia, principalmente a través da ferramenta O paxinador. Asemade, Atoupa.es incorpora asesoramento en liña e un dicionario con todo tipo de explicacións sobre os termos máis empregados na Rede.

PUBLICIDADE