En febreiro a telefonía en España caeu tanto no fixo coma no móbil

venres, 30 de maio do 2014 Marcus Fernández

Ganancia neta de liñas móbiles (en milleiros) durante o mes de febreiro

A CNMC publicou a súa nota mensual sobre o mercado das telecomunicacións correspondente ao mes de febreiro, amosando unha perda de liñas tanto na telefonía móbil como na fixa, deixando a banda larga como único segmento que conseguiu medrar en base de usuarios, destacando que preto do 60% de novas altas corresponderon a conexións de fibra óptica ata o fogar (FTTH), modalidade de conexión que experimentou un crecemento interanual do 87% ata chegar ás 695.687 liñas. Sobre as liñas de banda ancha gañadas en febreiro, 4.960 corresponderon a Telefónica, 10.240 a operadores de cable e 53.830 a operadores alternativos, deixando claro que estamos nun ámbito no que a competencia parece funcionar axeitadamente.
No sector da telefonía móbil continúan a caer as liñas, perdéndose 165.000 liñas de prepagamento e 39.000 liñas de datos, caída que non foron capaz de compensar as 138.000 liñas de contrato; confirmándose tamén a tendencia habitual na que os operadores tradicionais, Telefónica, Vodafone e Orange, perden respectivamente 128.130, 54,780 e 29.230 liñas netas, mentres que Yoigo sumou 24.650 liñas e os OMV medraron en 120.740 liñas. Pese ao forte crecemento mensual dos OMV, polo momento só conseguiron facerse co 13,13% do mercado, mentres que Movistar aínda ostenta o 32,97%.

PUBLICIDADE