En Ribeira o comercio local poderá formarse en redes sociais e en promoción vía Instagram

xoves, 27 de maio do 2021 S. P.

En Ribeira presentáronse este xoves 27 de maio dous cursos especificamente elaborados para revitalizar o comercio local e contribuír á súa transformación tecnolóxica (máis competitividade, máis rendibilidade, mellor xestión e máis amplos mercados). Trátase de dúas actividades formativas sobre redes sociais e sobre Instagram para negocios.
Abéiranse ao programa Ribeira, un mar de comercio impulsado polo Concello de Ribeira coa colaboración da Asociación de Empresarios. Celebraranse no mes de xuño. O primeiro virá da man da youtubeira e community manager Isa Villanueva, e o segundo, o de Instagram para Negocios, será impartido por Isabel Cendán (@isaxanela).
A iniciativa foi presentada pola concelleira de Innovación Tecnolóxica, Ana Barreiro, e polo presidente da Asociación de Empresarios de Ribeira, Francisco Martínez. Enmárcase no Programa de Apoyo a la Competitividad del Comercio Minorista 2020 e do convenio subscrito entre o Ministerio de Industria e Comercio e a Cámara Oficial de Comercio de España para o Desenvolvemento de programas de apoio á competitividade do comercio minorista 2020.
Tocante ao curso de formación en redes sociais, realizarase en tres xornadas presenciais en días diferentes e terá unha duración de tres horas diarias cada una delas. Ensinaranse métodos para promover e mellorar a imaxe de marca utilizando Instagram, Facebook, Youtube ou Canva.
Polo que se refire ao curso de Instagram para negocios que impartirá Isabel Cendán, realizaranse dúas sesións de formación presenciais en días diferentes e terán unha duración de catro horas diarias cada una delas. Falarase de aspectos diferenciados da rede social enfocados ás vendas online.
Reservas
A reserva das prazas poderá realizarse no correo electrónico turismo@ribeira.gal desde o 28 de maio ata o 3 de xuño. Os cursos terán lugar na sede da Asociación de Empresarios, na rúa Rosalía de Castro, e o número de prazas de cada curso será o estipulado segundo o aforo que marque a normativa sanitaria da COVID-19 nese momento.

PUBLICIDADE