En Galicia preferimos felicitar á familia por WhatsApp ou teléfono e ás amizades en persoa

luns, 20 de decembro do 2021 S. P.

O operador galego R vén de realizar un estudo que revela a preferencia da poboación galega polas felicitacións mandando un WhatsApp ou realizando unha chamada telefónica cando se trata de familiares. En concreto, no informe dise que o 45 % dos/as enquisados/as asegura optar pola dita aplicación de mensaxería e o 42 % polas comunicacións de voz.
No caso das felicitacións a amigos/as e/ou coñecidos/as, ata un 65 % da mostra inclínase por facelo en persoa por riba de calquera servizo de telecomunicacións, fronte a un 32 % que prefire a chamada telefónica para as amizades e a un 26 % que opta tamén polo teléfono para os/as coñecidos/as non tan próximos/as.
Tamén se fai saber que “tanto para amizades próximas como para as que non o son tanto, só escolle o medio do WhatsApp entre un 1 % e un 2 %”. Deste xeito, engádese, “a felicitación escrita unicamente é unha opción para o 5 % das persoas cando se trata de contactar cos seus familiares e inexistente no caso de dirixirse a amigos/as”. Polo que respecta á vídeo-chamada, tradúcese neste estudo na alternativa dun 9 % da mostra á hora de felicitar a familiares, dun 4 % para amigos e dun 3 % para coñecidos/as.

PUBLICIDADE