En Arteixo a cidadanía poderá desenvolver por Internet todos os trámites tributarios

martes, 10 de agosto do 2021 S. P.

O Concello de Arteixo comezou este mes de agosto achegando novidades importantes sobre a súa transformación tecnolóxica. En concreto, anunciou que vai permitir que a cidadanía desenvolva todos os trámites tributarios por Internet. Farao a través da web municipal, arteixo.org, e implantando un sistema tecnolóxico específico que optimice o actualmente operativo, e tamén a metodoloxía empregada, posibilitando cousas como realizar pagamentos pero tamén a obtención dos recibos cos datos correspondentes, cousa que até agora non vén sendo posíbel (o que fai que a cidadanía teña que acudir presencialmente ás oficinas municipais para acadalos). O obxectivo é que o novo sistema estea activo e dispoñíbel antes de que remate o ano.
O Concello explicou que a iniciativa implica un impulso á eAdministración local e á comodidade e seguridade dos cidadáns, “que non poden perder tempo en citas e desprazamentos aos bancos para poder aboar as súas taxas e impostos”. O Goberno local tamén fixo saber que a medida virá complementada coa contratación dunha empresa que desempeñará as vertentes de asesoramento, atención e información ante a cidadanía.
A firma encargada do desenvolvemento do sistema será T-Systems ITC Iberia. O custe será de 17.424 euros. Os labores de asesoramento e atención serán desenvolvidos por outra empresa (pendente de contratación).

PUBLICIDADE