Empresas e institucións amosan o seu apoio ao Día Europeo da Internet Segura

venres, 6 de febreiro do 2009 Fernando Sarasketa

O vindeiro martes 10 de febreiro celébrase unha data especialmente importante para esa franxa da poboación que se pode considerar xa a cabalo de dous mundos: o de toda a vida e o dixital. Máis concretamente e sen saírmonos da dita franxa de poboación, a efeméride toca de preto aos internautas que menos altura levantan. Falamos pois do Día Europeo da Internet Segura, unha celebración que, como o seu propio nome indica, avoga por un tipo safo de gran canle da información: un tecido virtual de arañeira onde, a diferenza das reais, non quedemos atrapados nada máis caer nela. A xornada europea, en inglés Safer Internet, vén este ano con feitura de xogo para nenos de entre 10 e 15 anos de todos os países da UE. O obxectivo do xogo-enquisa, no que se pode participar a través de insafequiz.eun.org, non é outro que fomentar a sensibilización para un emprego seguro da Rede. A proposta, que inclúe preguntas sobre cultura, historia ou Internet segura, dará como resultado (logo da participación arredor deste martes 10 de febreiro) un ranking cos gañadores que serán publicados na propia web do Día Europeo: Saferinternet.org.
Por certo que a UE non estará soa no desenvolvemento desta xornada: contará entre outros moitos co apoio de Chaval.es (que xa está dando a coñecer as diferentes actividades previstas), Microsoft, a Asociación Española de Pediatría, Protégeles e a Federación de Asociacións de Scouts de España.
Sinalar que estas últimas catro entidades, xunto coa Comisión Europea, teñen previsto reunirse este 10 de febreiro en Madrid para dar a coñecer a posta en marcha dun proxecto conxunto para promover o uso de Internet de xeito máis responsable, con especial fincapé na protección aos cativos. A proposta, que non coincide coa celebración do dito Día Europeo por casualidade, incluirá unha chea de iniciativas e activades a desenvolver os vindeiros meses e co gran obxectivo de divulgar entre pais, nenos e educadores os xeitos de acadar unha Rede máis segura. O proxecto darase a coñecer ás 10 horas na sede da Comisión Europea no Paseo da Castellana, e contará entre outros coa presenza de Juan Carlos Fernández, director de Consumo de Microsoft Ibérica.

PUBLICIDADE