Empresas e cidadáns mobilízanse virtualmente en defensa da neutralidade de rede
martes 30 de novembro do 2010, por |
Tras o rexeitamento
por parte do Senado dunha moción presentada polo Partido Popular para
defender a neutralidade de rede e a volta do tema ao senado, a Asociación
Española de Economía Digital (Adigital), que integra a máis de 500 empresas,
publicou unha nota de
prensa na que demandan que a lexislación española garanta un uso aberto e
imparcial da Rede, concretando que é preciso que os paquetes de datos na Internet
non poidan discriminarse por razón de orixe, destino, protocolo ou contido, que
as operadoras non poidan alterar o libre mercado e a liberdade de competencia
introducindo nos seus servizos factores que distorsionan a competitividade, que
a circulación de datos na Rede sexa libre (independente de acordos entre
teleoperadores), que as restricións ao tráfico na Internet sexan excepcionais e
públicas/transparentes e que a Lei recolla un marco sancionador e un
procedemento eficiente para a resolución de conflitos neste ámbito.
Pero esta reclamación empresarial non queda soa, e o movemento cidadán está a
facer circular a través da Internet un
manifesto de 11 puntos nos que incídese na defensa dunha rede neutral para
protexer a Internet e aos seus usuarios (tanto empresas coma cidadáns),
considerándose que as comunicacións na Rede deberían ser consideradas privadas,
de xeito que só poderían intervirse baixo mandado xudicial. Esta campaña que
está a invadir blogs e redes sociais insta ao Goberno español a ser proactivo no
contexto europeo e a lexislar de xeito claro e inequívoco na defensa dunha Rede
neutral.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68
redaccion@codigocero.com
















