Empresas, comunidades e investigadores TIC xuntarán forzas na conferencia AtlánticaConf

luns, 30 de setembro do 2019 Fernando Sarasketa

Os vindeiros 4 e 5 de outubro vaise celebrar na Facultade de Informática da Coruña (FIC) a conferencia tecnolóxico-dixital AtlánticaConf, unha xuntanza que busca ser un novo e referencial punto de encontro entre empresas, desenvolvedores e universidades arredor coñecemento TIC. A conferencia, xurdida da unión dunha chea de comunidades de desenvolvemento tecnolóxico locais, conta co apoio da Facultade de informática e de varias das empresas máis relevantes do sector dixital. Inclúe un programa con máis de trinta actividades e coa participación de outras tantas relatoras e relatores.
A conferencia estrutúrase en tres espazos simultáneos, cunha ampla variedade de actividades: máis de 30, entre charlas e obradoiros e outras/os tantas/os relatora/es de referencia a nivel nacional e internacional. Ademais, haberá 6 actividades no recanto Open Space, un apartado no que calquera persoa poderá compartir os seus coñecementos sobre unha temática concreta, seguindo a filosofía da tecnoloxía libre.
Quen pode participar en AtlánticaConf?
AtlánticaConf está concibida para ser “o gran punto de encontro de Universidade, empresa e comunidades” e nela teñen cabida perfís tecnolóxicos de distintos niveis para favorecer o intercambio de coñecemento. Para iso, o evento ofrece dous tipos de entradas: de balde, para estudantes, persoas en situación de desemprego e persoas con diversidades funcionais e motrices, e outra dirixida ao sector profesional (investigadores, desenvolvedores, etc,... ) cun custo de 18 euros.
As entradas poden adquirirse a través da web atlanticaconf.com.
AtlánticaConf nace, en palabras das entidades organizadoras, “como un gran espazo aberto a todas as tecnoloxías e coa aspiración de ser referencia no futuro para visualizar o sector galego a nivel estatal e internacional e atraer talento”. Para iso, as comunidades impulsoras poñen en xogo “un proxecto a tres anos vista”, no que desenvolver non só esta fase de inicio, senón tamén as de consolidación e internacionalización e incrementar o número de participantes. Para aclarar dúbidas e xestionar reportaxes e entrevistas, podemos contactar coa organización a través de info@atlanticaconf.com.

PUBLICIDADE