Empresarios galegos reunidos na Tecnópole aclaran dúbidas sobre o Plan INCITE

mércores, 16 de abril do 2008 Raquel Noya

Xornada divulgativa de axudas e subvencións autonómicas á I+D+i na Tecnópole

Un amplo número de empresarios galegos, que se reuniron esta mañá (mércores 16) na Tecnópole en Ourense, puideron expoñer as súas dúbidas sobre os programas de apoio á I+D+i empresarial do Plan INCITE ante os técnicos da Consellaría de Innovación e Industria que se desprazaron a San Cibrao das Viñas para explicar as liñas de subvención habilitadas para este ano.
Tal e como apuntamos en días pasados, a sesión informativa foi organizada polo centro tecnolóxico AIMEN, en colaboración coa Oficina de Financiamento de Proxectos do Parque Tecnolóxico do Galicia, no marco do seu Plan de Promoción e Transferencia Tecnolóxica.
Logo da apertura da xornada a cargo do director xerente da Tecnópole, Ricardo Capilla, e do delegado de AIMEN en Ourense, Alberto Martínez, a exposición estivo a cargo dunha técnica de xestión do INCITE, Luisa Rodríguez, e dun xefe de servizo do SEGAPI (Servizo Galego de Propiedade Industrial e Vixilancia Tecnolóxica), Javier Ochoa.
Ó acto asistiron empresarios, técnicos e persoal de centros tecnolóxicos interesados nas posibilidades de financiamento dos seus proxectos de I+D, en concreto en relación aos Programas Sectoriais de Investigación Aplicada (PEME I+D e I+D SUMA) e aos Programas de Innovación Empresarial, que pecharán o prazo de solicitudes en quince días.
Máis de 60 millóns
En total, os programas que se difundiron na xornada están dotados con máis de 60 millóns de euros, dos que máis da metade lle corresponden aos Programas Sectoriais destinados a apoiar a investigación aplicada e o desenvolvemento precompetitivo nas tecnoloxías sectoriais, dinamizar o proceso innovador de I+D+i nas pequenas e medianas empresas e darlle pulo aos proxectos de máis impacto desenvolvidos por diversos axentes do sistema, nos que se prima a estratexia artelladora e o compromiso investigador.

PUBLICIDADE