Empresarios e tecnólogos galegos intercambian oferta e demanda por vídeoconferencia

xoves, 29 de outubro do 2009 Raquel Noya

Durante tres sesións de dúas horas que tiveron lugar entre o pasado martes e hoxe xoves a través de videoconferencia, tecnólogos e empresarios do Parque Tecnolóxico de Galicia intercambiaron información sobre servizos e proxectos con empresarios dos Polígonos de Sabón e San Cibrao, que expuxeron principalmente as súas demandas tecnolóxicas para establecer o punto de partida cara a novas relacións comerciais e proxectos de innovación conxuntos.
O resultado destes encontros, que non deixaron a ningún asistente impasible, pódese dicir que non puido ser máis satisfactorio, xa que salvando maxistralmente as distancias xeográficas, os empresarios e empresarias galegas con intereses comúns, puideron achegar puntos de vista e opinións persoais para tratar de mellorar a súa competitividade sen ter que desprazarse das súas propias localidades.
Agora, grazas a esta cooperación de base tecnolóxica que puxo de manifesto a utilidade das TIC para todo tipo de empresas e actividades, xa se están a materializar futuras colaboracións, que posibilitarán a mellora da competitividade das entidades participantes.
A vídeoconferencia de hoxe en concreto, que tratou sobre o sector agroalimentario, centrouse nas ofertas e demandas tecnolóxicas sobre microbioloxía, biotecnoloxía alimentaria e o aproveitamento e a valorización de materiais residuais e subprodutos da industria alimentaria mediante procesos fermentativos.
Desde Tecnópole, en Ourense, expuxeron os seus servizos e proxectos o Centro de Investigación, Transferencia e Innovación (CITI) da Universidade de Vigo e o Centro Tecnolóxico da Carne (CTC), mentres que as empresas do Polígono de Sabón, que se comunicaban dende esta localidade a través de videoconferencia, participaron explicando as súas demandas e ofertas tecnolóxicas neste sector. As voluntarias para esta tarefa foron Leyma Central Lechera; Bajamar Séptima, de produtos conxelados; e Gisva, de produtos cárnicos.
Esta iniciativa estase a levar a cabo en toda España a través de 20 parques científicos e tecnolóxicos e 28 polígonos industriais, que buscan mellorar a competitividade das empresas e centros tecnolóxicos situados nestes recintos a través de fórmulas de cooperación entre eles.

PUBLICIDADE