Empresarios e coworkers participan este mércores no Gaiás nunha nova presentación de Galicia Open Future

martes, 3 de xuño do 2014 Fernando Sarasketa

Este mércores da Cidade da Cultura de Santiago acolle unha nova presentación de Galicia Open Future, aceleradora de empresas TIC e centro de coworking que Telefónica e AMTEGA están a impulsar (precisamente) na contorna da Cidade da Cultura. A diferenza das presentacións dos días pasados (unha levada a cabo na UVigo e outra no CiTIUS da USC), a cita deste mércores desenvolverase no propio escenario de Galicia Open Future e adoptando unha metodoloxía que en si mesma antecede e resume a filosofía da aceleradora: a metodoloxía do traballo ombro con ombro.
Participarán no encontro empresarios e coworkers
(a través de mini-xuntanzas rotativas), e a cita completarase coa presentación en si mesma de Galicia Open Future. Na xornada intervirá Fernando Sanmartín, director financeiro do Grupo Barrabés.
O evento de networking vén da man da Asociación de Novos Empresarios da Coruña en colaboración coa Fundación da Cidade da Cultura de Galicia. De feito, a dita asociación, segundo nos confirmou, será unha das entidades colaboradoras de Galicia Open Future, como dixemos unha iniciativa posta en marcha por Telefónica para conectar proxectos galegos co talento internacional, achegarlles visibilidade para que investidores e socios potenciais de todo mundo os coñezan e os financien. Ademais, do que se trata é de ofrecer aos proxectos unha plataforma con programas de financiamento e aceleración exclusivos.
Como dixemos os días pasados, Galicia Open Future quere apoiar as ideas que xeren riqueza e valor na nosa terra, e por iso abre unha convocatoria para elixir aos 50 mellores proxectos emprendedores. Os elixidos poderán establecerse durante 6 meses na Cidade da Cultura nun espazo de crowdworking no que desenvolverán e madurarán os proxectos seleccionados. O prazo para presentar solicitudes remata o 15 de xuño e os seleccionados poderán comezar o proceso de aceleración tras o verán. O tres mellores iniciativas terán unha axuda de 25.000 euros.

Programa
9:15 a 9:30 Recepción dos participantes e Entrega das rotacións
9:30 a 10:05 Benvida & Conferencia/Pílula Revitalizante (Itziar Vilar - Twin Shoes)
10:10 a 11:20 Rotacións de networking
11:30 Peche na cantina (Cada participante farase cargo das súas consumicións)
12:00 Conferencia con Fernando Sanmartín (director financeiro Grupo Barrabés)

PUBLICIDADE