Emprendedores de Coworking Dixital CCompostela resolven con éxito tres retos empresariais para CLUN e Espina & Delfín

luns, 3 de xullo do 2023 S. P.

O programa de formación do Coworking Dixital CCompostela, financiado nun 80% polos fondos europeos FEDER que xestiona a Fundación INCYDE e nun 20% pola Deputación da Coruña, organizou as xornadas Innovación Aberta e Cocreación nas que 16 emprendedores, novas firmas innovadoras (startups) e pemes deseñaron solucións innovadoras a tres retos propostos polas empresas CLUN e Espina & Delfín, co obxectivo de resolver necesidades reais destas compañías.
Jessica Rey, directora de Mercadotecnia e Comunicación de CLUN lanzou como reto o deseño dunha estratexia innovadora para incrementar a visibilidade da marca CLESA na área de Madrid. Os participantes deseñaron unha estratexia sustentada na valorización das raíces da marca a través do deseño dunha nova iconografía, a personalización da embalaxe/presentación, a creación de personaxes e a mercadotecnia de influencers para aumentar a conexión cos consumidores.
Pola súa banda, Iago Isasi, enxeñeiro responsábel de dixitalización de Espina & Delfín, presentou como reto a posibilidade de acceder a un repositorio na nube sen credenciais e desde dispositivos móbiles e resolveuse coa proposta dun sistema de ligazóns e códigos QR a información automatizada na nube.
O outro reto preguntaba como valorizar os fluxos de augas agresivas (que poden reaccionar con certos materiais e causar fisuras) en instalacións de depuración para xerar enerxía. Os participantes idearon un redeseño da planta para aproveitar un maior fluxo de auga e un sistema de tubaxes para xerar enerxía a través de turbinas, sen contacto coas augas corrosivas.
Próximas xornadas formativas
A formación do Coworking Dixital CCompostela continúa en xullo con catro xornadas online para as que permanece aberta a inscrición na web do centro.
A xornada CRM: A Ferramenta Clave para Impulsar as túas Vendas explorará os conceptos clave do CRM e como implementalo para optimizar as relacións empresariais e mellorar a satisfacción do cliente. A formación O Roadmap da transformación dixital abordará o emprego desta ferramenta como un punto de partida para que as empresas avancen na súa transformación dixital, identificando os seus puntos críticos e deseñando os pasos a seguir para pór en práctica a dixitalización nas distintas áreas dos seus negocios.
Na sesión Deseña a túa MPV (Produto Mínimo Viábel) dixital con Agile as persoas participantes coñecerán en profundidade as metodoloxías áxiles. “Isto”, explican dende Coworking Dixital CCompostela, “axudará ás empresas a desenvolver produtos dixitais de maneira máis eficiente e respondendo de maneira rápida as necesidades dos usuarios, maximizando as posibilidades de éxito comercial”.
O programa completarase coa formación A Proposta de Valor no emprendimiento tecnolóxico-dixital enfocada a que un proxecto empresarial conecte co que realmente necesita o usuario, co apoio da tecnoloxía e a través da metodoloxía Design Thinking e a ferramenta gráfica Canvas.
O programa conta con expertos con ampla experiencia en cada área.
-Estela Lareo Fernández, profesional dedicada ao ámbito do CRM e as vendas. É directora executiva de Ideas Positivas Group, unha consultora tecnolóxica especializada na transformación empresarial. Conta cunha ampla traxectoria nos eidos da mercadotecnia, as vendas e a xestión comercial. Ocupou postos de dirección e consultoría en empresas como DIN - Documentación e Imaxe do Noroeste, EULEN Flexiplán e Ader Recursos Humanos.
-Pablo López, licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade da Coruña. Mestrado executivo en Dirección e Administración de Empresas pola Universidade Pontificia de Comillas mestrado en asesoramento fiscal pola CEF. Certificado en coaching individual e de equipos coa International Coach Community. Durante máis de 10 anos creou e xestionou un grupo de empresas de consultoría con máis de 90 persoas.
-Jesús Tapia, profesional con ampla experiencia internacional na industria de servizos de mobilidade e nos ecosistemas de innovación e startups. Responsábel de ISDI Accelerator e especialista na xestión da innovación, a análise de datos, as metodoloxías áxiles e o liderado de equipos. É mentor en Oxford Entrepreneurs e no programa de emprendedores da Universidade colombiana EAFIT.

PUBLICIDADE