Emprendedores da UVigo poñen en marcha unha comunidade para facilitar envíos e traslados compartidos: Toma&Go

luns, 9 de febreiro do 2015 Fernando Sarasketa

Ao abeiro da Internet e as redes sociais estanse a consolidar no noso plano offline metodoloxías e comportamentos que son moi semellantes aos das comunidades de desenvolvedores, emprendedores ou micromecenas. Imponse así a fórmula colectiva de cooperar, xuntar forzas e optimizar recursos, en detrimento de facer as cousas de xeito individual. Ao fío desta maneira de traballar, un equipo de estudantes/investigadores da Universidade de Vigo vén de aplicar estas metodoloxías ao ámbito de transporte. Máis polo miúdo, ao eido dos envíos e os traslados compartidos. Falamos de Toma&Go, iniciativa emprendedora baseada no consumo colaborativo e cuxo obxectivo é acadar unha mobilidade máis sustentábel e eficiente a través do uso das novas tecnoloxías centradas no reparto de gastos e consumo. Toma&Go, para entendérmonos, conecta a persoas que queren enviar algo con viaxeiros.
A iniciativa, contan os seus impulsores (Marta, Antonio e Fabio), xurdiu coa arela de achegar total dispoñibilidade no temporal (“a disposición do cliente os 365 días do ano”) e tamén no espacial (a idea é crear a mellor rede de envíos colaborativos de España, “a través da transparencia e a confianza entre os usuarios”). Ao seu xuízo, a empresa ten a súa raizame en preguntas que todo viaxeiro por conta propia se tivo que formular algunha vez: “Por que circular co vehículo baleiro?”, “Habería algunha forma de rendibilizalo ou minimizar os custes?” Sen ir máis lonxe, Toma&Go achega respostas a estas cuestións, subministrando servizos tecnolóxicos de comunicación para conectar a persoas que queren enviar algo a través de viaxeiros. Así nolo explican: “Todo aquel que teña un oco na súa maleta ou vehículo poderá levar un paquete a outro usuario sexa cal for o medio de transporte empregado, coche, tren ou avión, podendo a través da nosa web pactar unha serie de características do envío como pode ser o lugar de recollida ou a recompensa”.
A maiores, calquera usuario pode publicar unha viaxe ou un envío e só terá que agardar a que outro se poña en contacto con el ou ela para pactar o envío ou traslado, engaden os responsábeis de Toma&Go, que tamén lembran que hai diferentes tipos de envíos dependendo do espazo que teña o viaxeiro e das súas preferencias: paquetes ananos, pequenos, grandes, xigantes e especial. “Ademais”, explican, “dáse a opción de levar outra persoa, un compañeiro de viaxe, ou realizar un encargo do lugar de orixe”.
Tamén se permite, unha vez entregado o envío, que o propietario do mesmo poida dar a súa opinión sobre o recibido para aconsellar (ou non) vindeiros encargos co viaxeiro responsábel do subministro.
Toma&Go é un servizo nado hai uns seis meses dende Vigo. Segundo sinalan os seus creadores, a idea de poñelo en marcha foi collendo corpo tras “moitas horas de reflexión” e durante certas estadías no estranxeiro, “onde grazas en parte ás baixas temperaturas e tamén a unhas boas doses de teimosía comezou a desenvolverse o que até ese intre era só unha só unha idea: a de facilitar os envíos e traslados”.

PUBLICIDADE