Emprego pon o foco na necesidade de incrementar a formación en TIC

luns, 21 de febreiro do 2022 S. P.

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, presentaron esta mañá na Coruña as conclusións dun estudo no que se analizaron 15 sectores económicos estratéxicos para Galicia (potencialmente xeradores de oportunidades traballo) e 14 tecnoloxías emerxentes. Segundo fixeron saber, este informe “permitirá contar cunha estratexia ampla e vangardista” para fomentar o crecemento do mercado laboral galego. A investigación, en definitiva, identifica os traballos que o proceso de dixitalización está a transformar e, polo tanto, “requiren dunha adaptación da oferta formativa”.
En palabras de Lorenzana, a Consellería buscou con este estudo “anticiparse” e “dar resposta ás necesidades que están a xurdir no mercado de traballo”. As conclusións fan necesario, segundo a conselleira, responder ás necesidades formativas que o mercado laboral require, ter en conta os sectores nos que os empregos se van ver máis afectados pola irrupción das tecnoloxías emerxentes, así como os ámbitos nos que xurdirán novos postos de traballo e facilitar a cualificación permanente das persoas, mellorando así, o emparellamento entre oferta e demanda. “É fundamental impartir unha oferta formativa adaptada ás tendencias en innovación e aplicación de solucións tecnolóxicas para o emprego”, engadiu.
O estudo conclúe que en Galicia a transformación tecnolóxica está a producirse a diferentes velocidades en función do tamaño da empresa e está a afectar “dun modo distinto”, segundo a categoría profesional ou segundo o rol que teña este posto dentro da cadea de produción. A análise sinala que as empresas, na súa maioría pemes, “están aínda nunha fase moi incipiente do proceso de transformación dixital, o que implica que este cambio producirase nun período de tempo curto”.
O documento tamén destaca que os postos vencellados ao deseño e implantación das solucións tecnolóxicas teñen unha alta demanda e un alto grao de empregabilidade, “polo que a oferta de traballo é elevada e precisa de novos profesionais para cubrir a demanda actual”; e indica que as persoas traballadoras que realizan tarefas repetitivas ou susceptíbeis de ser automatizadas precisan de novos coñecementos adaptados ao uso das novas tecnoloxías e a adquisición de novas competencias asociadas á supervisión ou revisión das tarefas que se roboticen. Así mesmo, salienta que “o labor dos operarios de produción, con independencia do sector, transformarase polo que é necesario orientar a formación ao manexo de novas solucións tecnolóxicas”.
No informe tamén se di que os empregos relacionados coa toma de decisións e con procesos de vendas e comerciais tamén están a sufrir cambios. En concreto, modifícase o uso das ferramentas e tecnoloxías que se utilizan para analizar datos e tomar decisións, escoitar a voz do cliente e xestionar equipos presenciais ou en remoto. Con respecto aos traballos comerciais, a investigación sinala que deberían comezar a usar ferramentas de Big Data e análise de voz do cliente “para unha mellor compresión”.
Lorenzana avanzou que a Xunta ultima un convenio de colaboración coa Universidade da Coruña para materializar as propostas formativas en accións reais, unha cooperación que se asinará a finais de marzo, e unha “sólida liña de colaboración”, cos principais clústeres implicados na recualificación profesional para comezar a impartir formación xa ao longo deste ano. A estas actuacións súmase a Axenda Galega de Capacidades para o Emprego que persegue tamén identificar necesidades formativas non cubertas no mercado laboral galego e facelo da man dos axentes socioeconómicos.

PUBLICIDADE