Emprego e AMTEGA revolucionan o ámbito da formación para o emprego cunha nova plataforma
venres, 11 de febreiro do 2022
Dende
finais de 2021 Galicia dispón do seu propio Campus Virtual,
plenamente operativo a través de campusvirtualemprego.xunta.gal
e poñendo en xogo novos e revolucionarios vieiros en materia
educativa e de emprego. A iniciativa, que recolle a oferta formativa
da Xunta para a cualificación de persoas desempregadas e ocupadas,
vén da man da Consellería de Emprego e Igualdade e a Axencia para a
Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). As dúas entidades
da Administración galega destinaron 332.500 euros para poñer en
marcha a nova plataforma do Campus Virtual: un recurso tecnolóxico
avanzado que, amais de adaptar a formación para o emprego aos novos
procesos de dixitalización, achega as accións a lugares que carecen
de centros acreditados na nosa Comunidade. O portal, xa operativo, é
unha fonte de información de primeira orde sobre tres piares
temáticos fundamentais: emprego en Galicia, programas de inserción
laboral e actividades de formación. Achega ademais unha ampla
listaxe de cursos dispoñíbeis dos máis diversos ámbitos.
Persoas
potencialmente destinatarias
Son
destinatarias da formación do Campus Virtual 15.000 alumnas e
alumnos ao ano que participan nuns 1.700 cursos convocados no marco
do Plan de Formación para o Emprego da Xunta de Galicia.
A
Consellería de Emprego e AMTEGA salientan que a nosa é a primeira
Comunidade en facilitar unha plataforma de aula virtual destas
características para as preto de 1.100 entidades formativas
acreditadas en Galicia, así como dos trece centros de formación que
ten a Consellería de Emprego e Igualdade, onde se imparte
prioritariamente formación para desempregados como os de Santiago,
Ames, Negreira, Melide, Ferrol, A Coruña, Vigo, Bueu, Allariz,
Ourense, Lugo, Viveiro e Monforte. A eles sumaranse os programas
específicos da Fundación Pública Galega da Formación para o
Traballo: Autónomos dixitais, Crecendo en dixital, Sénior é
dixital, Formadores dixitais, Empregabilidade dixital, Rumbo dixital,
Habilidades dixitais, Rural en dixital, e Son Executiva.
Dixitalización
da formación
“Co
Campus Virtual”, informa a Consellería de Emprego e Igualdade, “a
Xunta ratifica a súa aposta pola dixitalización da formación para
o emprego dando así resposta a unha demanda da sociedade e do tecido
empresarial”. É intención, engade o dito departamento autonómico,
“é de que toda a formación para o emprego de Galicia se vaia
incorporando de xeito paulatino á nova plataforma”. En palabras da
Consellería, “a ferramenta permitirá implantar en Galicia un novo
modelo formativo que, a través das novas Tecnoloxías da Información
e a Comunicación, as TIC, posibilitará a flexibilidade na
impartición dos cursos, ademais de beneficiar directamente a valores
como a conciliación”.
Ofrece,
por outra banda, “unha alternativa virtual para acercar á
formación para o emprego aos alumnos que poidan ver limitada a súa
capacidade de se desprazar e levará a oferta formativa a todo o
territorio galego”.
A
plataforma permitirá impartir as clases a través dun sistema
síncrono en tempo real, dun xeito directo e interactivo e habilitado
polo uso de medios electrónicos.
Entre
outros servizos, a aula pon a disposición das persoas usuarias
servizos de vídeo-conferencia, un repositorio común de
documentación, docencia con capacidade de gravación, despachos
virtuais para docentes, plataforma de ensino (Moodle) autoxestionada
polo profesorado ou arquivo de vídeo baixo demanda.
Con
todos os recursos postos en xogo, o servizo garante unha capacidade
mínima de 25 asistentes a cada unha das actividades, ofrecendo a
posibilidade de compartir escritorios e aplicacións ou controlar a
participación do alumnado en cada momento, entre outras
funcionalidades.
Dende
a Consellería de Emprego e AMTEGA tamén salientan o feito de que a
aula virtual dispoña da tecnoloxía necesaria para verificar e
acreditar a participación ou asistencia do alumnado e do persoal
docente, ademais dos métodos para facer o control de presenza, a
realización de exercicios prácticos e a superación dos controis
periódicos.
Vantaxes
e posibilidades
Os
detalles e beneficios da plataforma foron dados a coñecer o pasado
verán pola conselleira
de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana. A nova
ferramenta, en palabras da conselleira, “achegarase a todo o
territorio galego e posibilitará unha formación moderna con todas
as garantías”. E engadiu: “É un proxecto que vén de reformular
integramente o modo de entender e impartir formación para o emprego
en Galicia”.
Cun investimento de máis de 330.000 euros, a
plataforma busca facilitar que 15.000 alumnos e alumnas participen en
ao redor de 1.700 cursos convocados no marco do Plan de Formación
para o Emprego da Xunta.
A ferramenta ponse a disposición das
preto de 1.100 entidades formativas acreditadas en Galicia e dos 13
centros de formación da Consellería de Emprego e Igualdade, aos que
se lles suman os programas específicos da Fundación Pública Galega
da Formación para o Traballo.
Lorenzana explicou que esta
iniciativa, “ademais de contribuír a mellorar a cualificación
profesional dos galegos e galegas, permitirá flexibilizar a
formación en dúas vertentes”. Así, facilitará por unha banda a
conciliación e, pola outra, o acceso á mellora da formación ás
persoas residentes no rural ou a aquelas que teñan limitada a súa
capacidade de desprazarse.