Emigrantes e descendentes procedentes de Arxentina e Uruguai recibiron formación especializada nas TIC

luns, 8 de setembro do 2008 Marcus Fernández

O Presidente da Fundación Galicia Emigración e Secretario Xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez, clausurou hoxe en Santiago de Compostela unha acción formativa nas TIC organizada pola Fundación e financiada polo Ministerio de Traballo e Inmigración a través da Dirección Xeral da Cidadanía Española no Exterior, e que contou, ademais, coa colaboración de INEO.
Este programa de formación iniciouse o pasado mes de xullo cunha primeira etapa de recrutamento e selección dos participantes levada a cabo de forma paralela en Bos Aires e Montevideo. Os 21 alumnos que superaron con éxito esta primeira fase teórica, 10 procedentes de Uruguai e 11 de Arxentina, viñeron a España para realizar prácticas laborais non remuneradas en empresas radicadas en Galicia dentro do sector das TIC e que forman parte da asociación empresarial INEO. Pare elo a Fundación financiou aos participantes, ademais do custo da realización da formación práctica en España, os gastos da viaxe, aloxamento e manutención.
Durante o acto de clausura celebrado hoxe, no que se outorgaron 10 títulos de Consultor Analista e 11 de Consultor Programador, o Presidente da Fundación Galicia Emigración, Manuel Luís Rodríguez, destacou que na actualidade, o sector das tecnoloxías da información e da comunicación «goza de grandes posibilidades de emprego en toda España, polo que este programa aspira a que un alto porcentaxe dos 21 alumnos que hoxe reciben o seu título logren inserirse laboralmente no noso país».

PUBLICIDADE