Emigración destina un millón de euros ás axudas do programa Retorno Emprendedor

xoves, 13 de abril do 2023 S. P.

O Diario Oficial de Galicia publicou este xoves 13 de abril a nova convocatoria das axudas ao programa Retorno Emprendedo (Secretaría Xeral de Emigración), que contará cun orzamento dun millón de euros e permitirá ás galegas e galegos retornados contar cun apoio económico de ata 10.000 euros para poñer en marcha un proxecto empresarial. Estas axudas destínanse aos galegos que regresan á súa terra de orixe, xa fosen nados na Galicia territorial ou nos seus países de destino, e teñen como obxectivo poder sufragar gastos correntes orixinados pola posta en funcionamento dun negocio.
O prazo de presentación de solicitudes comeza este venres 14, e remata o 29 de setembro.
As axudas serán de 6.000 euros, aumentábeis en 1.000 se a beneficiaria é muller, e outros 3.000 se a empresa se pon en marcha nun concello do rural. Deste xeito, informou a Secretaría Xeral de Emigración, “unha persoa solicitante pode chegar ata os 10.000 euros de apoio para a posta en marcha do seu negocio, de maneira que poida fixar a súa residencia e integrarse social e laboralmente na sociedade, realizando nela as súas actividades empresariais e profesionais, favorecendo así, ademais, o desenvolvemento do tecido empresarial de Galicia”.
Con este tipo de iniciativas, engade a Secretaría Xeral, facilítase o acollemento a quen desexa iniciar unha nova vida en Galicia, recordando que os interesados tamén poden informarse de todo tipo de axudas ao retorno nas Oficinas Integrais de Asesoramento e Seguimento ao Retorno situadas nas principais cidades galegas.

PUBLICIDADE