Emetel fornece a AMTEGA de tecnoloxía avanzada de seguridade

venres, 9 de xuño do 2017 Redacción

A firma galega Emetel Sistemas, especializada en servizos avanzados de comunicación e seguridade, vén de contarnos que está a achegar tecnoloxía de seu para o novo paso de AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia) en materia de protección de datos e de comunicacións. Máis polo miúdo, a axencia que dirixe Mar Pereira confiou na tecnoloxía da marca BE:SEC de Emetel para a súa Oficina de Seguridade da Información. Esta aposta de AMTEGA por BE:SEC materializouse definitivamente o pasado 22 de maio, cando a plataforma tecnolóxica relativa a infraestruturas e aplicacións corporativas da Xunta, xestionada por AMTEGA, comezou a operar coa dita tecnoloxía. Emetel, a través desta marca, faise cargo da oficina de seguridade durante dous anos, “prorrogábeis por un ou dous máis”, explican fontes da firma galega, engadindo que a folla de ruta inclúe establecer arquitecturas e programas de seguridade adaptados a AMTEGA en todo o ecosistema da Administración autonómica.
Ademais, apunta a empresa, “fixaranse cadros de mando que permitirán facer seguimento e vixilancia do servizo e do estado da seguridade da información”. O obxectivo destes servizos é “o de minimizar os riscos e asegurar o cumprimento da normativa, tanto neste ámbito como en materia de protección de datos persoais”.
Emetel, dada “a importancia da adxudicación deste novo proxecto”, agradeceu a confianza depositada na súa marca BE:SEC pola Xunta de Galicia, unha aposta que, nas súas palabras, “significa un paso máis a prol da seguridade e, tamén, a prol de situarnos á fronte das comunidades autónomas que vén o aspecto da protección tecnolóxica coma un habilitador crítico con vistas a impulsar a nova Administración e a transformación dixital da sociedade”.
Para quen non o saiba BE.SEC é a resposta a un reto concreto: o de achegar a seguridade que as entidades, as empresas e os usuarios requiren unha vez que se cumpra a previsión de que todas as empresas sexan tecnolóxicas, “sexa cal sexa o seu eido de actividade”. Ante esta necesidade e “consciente do desafío”, Emetel deu forma a BE:SEC, Centro de Operacións de Ciberseguridade (SOC) operativo todo o ano, que xunta persoas, estratexias, procesos e ferramentas altamente preparadas para “facer que a seguridade sexa un claro facilitador do proceso de dixitalización adaptado a cada organización”.

PUBLICIDADE