Embou Sat ofrece Internet por satélite por a partires de 37,90 euros/mes

luns, 3 de decembro do 2018 Marcus Fernández

O Grupo MásMóvil está a empregar a súa marca Embou, operadora aragonesa especializada no contorno rural, para comercializar servizos de Internet por satélite para todo o territorio español, de xeito que os usuarios que vivan en zonas nas que non haxa nin fibra óptica, ADSL ou outras tecnoloxías de acceso poidan gozar de conexións con velocidades de 30 Mbps de descarga e 6 Mbps de subida simplemente coa instalación dunha antena.
Grazas a subvencións de FEDER e Red.es será posible aforrar máis de 150 euros da instalación e 400 euros dos equipos precisos para gozar deste servizo que parte dunha tarifa que por 37,90 euros/mes ofrece 30 GB de datos/mes (con navegación ilimitada entre a 1:00 e as 6:00 horas). Por 54,90 euros/mes ofrece 60 Gb de datos e por 99,90 euros/mes ofrece 150 GB de datos. Para gozar da alta de balde é preciso subscribir un compromiso de permanencia de 18 meses.
As tarifas de Embou Sat permiten a asociación de liñas móbiles, conseguindo así uns prezos combinados vantaxosos. Deste xeito pódese gozar de Internet por satélite de 30 GB cun móbil con 5 GB de datos e chamadas ilimitadas por 59,80 euros/mes, que en chanzos de 3 euros/mes permite gozar de 8 e 12 GB de datos, existindo ofertas equivalentes para o resto de conexións de Internet por satélite.
Cómpre lembrar que este tipo de conexións teñen unha latencia duns 700 milisegundos, o que as farían aptas para consumir contidos da web e incluso vídeo, pero non para o xogo en liña, debido o longo retardo.

PUBLICIDADE