Elton John pendura na Rede toda a súa carreira discográfica

xoves, 22 de marzo do 2007 Raquel Noya

Dende finais deste mes, e adiantándose a unha manchea de colegas de profesión, Elton John disporá os seus máis de 30 traballos discográficos (que conteñen preto de 400 cancións) na Rede, listos para seren descargados dixitalmente (algo que, é de supoñer, víñase facendo igual, só que a partires de agora co consentimento do músico e con cartos de por medio). O extravagante artista inglés, de 59 anos, que ó longo da súa carreira leva vendidos máis de 200 millóns de discos, xa ten presentados algúns dos seus traballos en liña, mais esta será a primeira vez que deixe acceder a tódalas súas cancións dende a Rede, algo que xa leva preparando dende hai algún tempo.
Antes de nada, as súas creacións estarán dispoñibles en exclusiva para os servizo iTunes de Apple para logo pasar a disposición de outros servizos legais de descarga.
John tamén presentará algúns dos seus grandes éxitos a modo de melodías reais para móbiles e fará unha selección dos mellores videoclips para ofrecelos a través de servizos de música dixitais (non vaia ser que perda tallada).

PUBLICIDADE