Elogia lanza a nova campaña de vodas personalizadas e anticrise de Viceroy

venres, 14 de xuño do 2013 Redacción

A empresa Elogia vén de presentar a nova campaña de Viceroy, Weddings by Viceroy, unha acción colaborativa na rede social Pinterest que consiste basicamente nunha recompilación, a través dun taboleiro, das mellores ideas achegadas en materia de decoración, moda, fotografía, deseño e complementos para vodas. O taboleiro, informa Elogia, complétase con xanelas a algunha das bitácoras da devandita temática “máis importantes do intre”. O obxectivo, sinala a empresa de mercadotecnia e publicidade dixital dirixida polos galegos Rubén Bastón e Rubén López Ferreiro, é crear un espazo onde os noivos poidan atopar inspiración para personalizar a súa voda ao máximo, con ideas sinxela e de baixo custo, “para facer así do evento unha festa especial e persoal sen desembolsar unha gran cantidade de diñeiro”.
Viceroy, que ten espazo de seu Pinterest desde inicios do 2012, cingue con esta proposta dúas das cuestións que máis repercusión xeran na devandita rede social: a filosofía de faino ti mesmo (do it yourself) e as cerimonias de matrimonio. Para realizar esta acción, Viceroy contou coa colaboración de blogs especializados na dita temática, como o de Macarena Gea, A trendy life, Boda Bella, Quiero una boda perfecta e De boda con Marón.

PUBLICIDADE