Elogia e IAB presentan o IV Estudo sobre Redes Sociais na Internet

xoves, 10 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

O director de marketing de IAB, Javier Clarke, e o director de Market Intelligence de Elogia, Ramón Montanera, presentaron esta mañá o IV Estudo sobre Redes Sociais na Internet elaborado polas súas compañías do que pode concluírse que o 79% dos usuarios de Internet en España utilizan as redes sociais actualmente, confirmando que o móbil e o abano de opcións dispoñibles contribuíron a converter en cotián este ámbito.
Entre as conclusións do estudo tamén figuran detalles como que Facebook segue a ser a rede social por excelencia (sendo a mellor valorada na meirande parte dos indicadores), que Twitter consegue o mesmo nivel de notoriedade (aínda que con menos usuarios), que LinkedIn continúa a conquistar terreo e que a aparición de plataformas como Instagram e Pinterest axuda á diversificación, de xeito que actualmente o número de plataformas por persoa é de 2,6.
O estudo de IAB e Elogia tamén indica que entre os internautas que non usan redes sociais predomina un público máis adulto (44% entre 40 e 55 anos) e cunha leve predominancia masculina, sando o principal freo para participar en redes sociais a falta de interese e o medo a perder a privacidade.

Gráfico coa preferencia amosada polas distintas plataformas sociais


Presentación do estudo elaborado por IAB e Elogia

PUBLICIDADE