Elogia Media revélalle as claves da comunicación en liña ao alumnado de Publicidade e RRPP

xoves, 27 de outubro do 2011 Raquel Noya

Iago Fernández e Patricia Díaz, membros do equipo de Elogia Media

O alumnado de publicidade, que dende hai tempo xa non dedica o seu tempo de estudo a comprobar a eficacia das vallas, dos paneis, da televisión ou mesmo da prensa escrita como soporte publicitario, concentra agora tódolos seus esforzos na Rede, o novo medio por antonomasia para dar renda solta á súa imaxinación e creatividade.
Para isto, é necesario vixiar de preto por onde se moven os consumidores, o público obxectivo das empresas que algún día representarán coas súas campañas publicitarias, e é aí mesmo, en Internet, onde “marca e cliente manteñen un diálogo íntimo”.
Así definiron a relación virtual empresa-cliente os xestores de comunicación da empresa de marketing Elogia Media, Patricia Díaz e Iago Fernández, que nos días pasados compartiron co alumnado de Publicidade e Relacións Públicas da Universidade de Vigo as vantaxes das plataformas de comunicación en liña, como Facebook ou Twitter, entre outras.
Segundo nos apunta o xornal dixital da entidade académica, tanto Díaz como Fernández destacaron que internet non é o futuro, senón o presente, xa que “é o lugar onde se pode atopar a calquera e tamén a todos os clientes”. Asemade, advertiron que calquera empresa que non se faga presente no mundo virtual, “perde unha grande oportunidade de negocio”, ao renunciar a un espectro de acción que crea valor de marca “a través dunha comunicación personalizada inmellorable”, engadiron.
Ámbolos dous relatores coincidiron en que “a gran diferenza entre unha estratexia publicitaria convencional e online atópase no papel que xoga o receptor da mensaxe”, de maneira que, mentres Internet permite comprobar in situ e en tempo real a reacción do usuario e ir actuando en base a iso, os medios tradicionais limítanse a observar os resultados acadados ao final dunha campaña.
Díaz e Fernández apuntaron os sectores da cosmética e a moda como “os que mellor están a aproveitar os beneficios dos social media” e adiantaron que a busca do contacto directo coa clientela “provocou que moitas empresas reorientasen os seus intereses cara a comunicación na Rede”, algo moi esperanzador para estes alumnos e alumnas que pronto cambiarán os seus asentos na facultade por cómodos asentos en grandes compañías onde exercerán como comunity managers.

PUBLICIDADE