Elixido o novo Comité de Xestión da Plataforma Tecnolóxica Audiovisual i+dea

luns, 2 de xuño do 2008 Raquel Noya

O pasado venres día 30 de maio, no transcurso da primeira asemblea xeral da Plataforma Tecnolóxica Audiovisual i+dea, foi elixido por unanimidade o seu novo comité de xestión que se encargará de velar polo bo funcionamento das distintas áreas nas que está a traballar a devandita entidade.
En virtude disto, a presidencia do Comité corresponde, segundo veñen de anunciar os seus responsables, ao presidente do Clúster Audiovisual Galego e do Grupo Filmanova, Antón Reixa e a vicepresidencia á Corporación de Radio Televisión de Galicia (CRTVG), representada por Juan Manuel Rey-Cobarcos e Anxo Piñeiro.
O Comité de Xestión complétase cos vogais Francisco Rodeiro e Antonio Rodríguez, da compañía R Cable; Javier Mendoza e Alberto Fernández, de TECNOCOM; Carlos Carballo, da Corporación Voz Audiovisual; e Félix Díaz, en representación da DX de I+D+i da Consellería de Innovación e Industria. Ostenta a secretaría técnica a xerente do CLAG, Carla Reyes.
Asemade, no transcurso da asemblea, foi presentada a Axenda Estratéxica de I+d+i, que constitúe a visión práctica e de consenso entre os actores relevantes do sector audiovisual en Galicia sobre as oportunidades e as necesidades nesta área de actuación. Esta ferramenta é, segundo os seus precursores, “resultado dun extenso traballo de recompilación e análise das opinións de todos os participantes de i+dea en relación coas prioridades nos temas que deben ser obxecto de resolución tecnolóxica nos vindeiros anos, empregando como soporte os documentos de referencia das plataformas análogas nacional e europea, eNeM e NEM, respectivamente”.
A Plataforma ten prevista catro áreas de prioridades de I+D+i nas que vai traballar: os contidos audiovisuais, os servizos e aplicacións, as infraestruturas, redes e terminais e os dispositivos ao usuario.

PUBLICIDADE