Eliminarán de Blogger os espazos que moneticen contidos pornográficos

xoves, 27 de xuño do 2013 Marcus Fernández

Mensaxe que están a recibir por e-mail os responsables de blogs que poderían verse eliminados co reforzamento da política de contidos de Blogger

Ata hoxe, a política de contidos de Blogger, a plataforma de bitácoras de Internet de Google, recolle a posibilidade de albergar contidos para adultos, incluíndo espidos e actos de carácter sexual, sempre que os espazos en cuestión o indiquen así na súa configuración (para poder amosar unha advertencia antes de acceder aos mesmos), pero existe unha restrición adicional que comeza a ter repercusións: non se permite que Blogger sexa un medio para gañar cartos con contido para adultos (por exemplo, cunha porcentaxe significativa de anuncios ou ligazóns a sitios de pornografía comerciais).
Esta política sobre o uso de Blogger para contidos pornográficos comezará a seguirse rigorosamente a partir do vindeiro día 30, segundo están a advertir por correo electrónico dende Google a numerosos responsables de blogs que poderían verse afectados, e que poderían desaparecer da Internet a partir da semana que vén.
Entre os motivos para a eliminación dun blog en Blogger tamén figura o contido incestuoso ou zoofílico, a pornografía infantil, a pederastia, a incitación ao odio, a violencia, o acoso e contidos que poidan ferir sensibilidades (como coleccións de imaxes de feridas de bala ou con escenas de accidentes sen o debido contexto que as xustifique).

PUBLICIDADE