ElevenPaths e Gradiant xuntan forzas para innovar en seguridade

venres, 16 de setembro do 2016 Redacción

Luis Pérez Freire, director de Gradiant, e Chema Alonso, chairman de ElevenPaths

Gradiant, Centro Tecnolóxico TIC de Galicia, e ElevenPaths, a unidade de ciberseguridade de Telefónica centrada na innovación en produtos de seguridade, asinaron este venres un acordo marco (MOU, Memorandum of Agreement), a través do que se comprometen a traballar xuntas a prol da innovación en seguridade e privacidade. A sinatura formal do documento celebrouse na sede de Gradiant en Vigo. Este acordo, fixeron saber, “é froito dun traballo conxunto de varios meses”. Asistiron o director xeral do centro tecnolóxico galego, Luis Pérez Freire, e Chema Alonso, chairman de ElevenPaths e CDO (chief data officer) de Telefónica.
Segundo fixo saber Cheman Alonso, “Gradiant é un centro de investigación que, do mesmo xeito que ElevenPaths, aposta pola innovación apoiándose en talento novo e local”. E engadiu: “Este acordo de colaboración permitiranos traballar conxuntamente para innovar en tecnoloxías que melloren a seguridade e privacidade, que son un obxectivo prioritario para ambos".
Pola súa banda, Pérez Freire afirmou que “esta alianza supón un paso adiante moi positivo na nosa relación con Eleven Paths, e reflicte o valor que Gradiant achega como centro tecnolóxico a unha empresa punteira, baseándose na excelencia técnica e o talento do seu equipo humano”.
Para Gradiant, o acordo coa filial de Telefónica reforza o seu compromiso coa ciberseguridade desde os seus inicios. Segundo lembrou ao fío do devandito Pérez Freire, “a seguridade e a ciberseguridade son unha clara aposta estratéxica de Gradiant, xunto ás tecnoloxías para a intelixencia e a conectividade”. A seguridade-ciberseguridade, engadiu, “é un dos tres grandes alicerces sobre os que se sustentará o crecemento de Gradiant nos vindeiros anos”.
Eleven Paths e Gradiant coinciden en traballar conxuntamente no diagnóstico e na solución de problemas de protección de datos e comunicacións dos sistemas de seguridade da información, a través da creación conxunta ou separada de diversos proxectos e iniciativas. O documento asinado este venres, coincidiron os responsábeis de ámbalas entidades, “deixa clara a vontade das dúas partes de concretar formas de colaboración mutua en favor da innovación en seguridade, tanto sobre desenvolvementos do catálogo tecnolóxico actual de Gradiant, como en potenciais novas propostas de I+D abertas á cooperación con terceiras partes”.
Este acordo e o seu posterior desenvolvemento acompañan tamén á estratexia de internacionalización de Eleven Paths e de Gradiant, que pola súa banda xa está presente en foros e organismos de influencia no ámbito da seguridade e a ciberseguridade a nivel internacional, como por exemplo ECSO (European Cyber Security Organisation) en calidade de membro fundador; ou RENIC (Rede de Excelencia Nacional de Innovación en Ciber Seguridade).
Gradiant e a seguridade
O percorrido de Gradiant en seguridade está avalado polo desenvolvemento dunha extensa listaxe de solucións tecnolóxicas seguras, aplicando os principios de security & privacy by design. Solucións como as baseadas no procesado de datos en dominio cifrado (que permiten realizar análises mentres se preserva a privacidade e identidade dos usuarios) que garanten o procesado de datos confidenciais de forma segura. Ou solucións baseadas en cifrado “homomórfico” e módulos de seguridade hardware (HSMs), que permiten realizar operacións na nube con datos cifrados. Gradiant tamén aplicou a paradigma da IoT (Internet das Cousas) segura en escenarios reais, nos que a seguridade xoga un papel decisivo. Ademais, desenvolve tecnoloxías biométricas baseadas en recoñecemento facial, de sinatura ou de voz, e tamén traballa en tecnoloxías embarcadas en drons e UAV para evitar cousas como a práctica do spoofing (hackeo) dos sinais GPS que guían os vehículos autónomos ou tripulados remotamente.
Ademais, o procesado e a análise intelixente de vídeo que desenvolve Gradiant permite automatizar e simplificar o seguimento e vixilancia en contornas complexas (por exemplo, videovixilancia ou vídeo capturado en tempo real por drons ou UAV).

PUBLICIDADE