Elena Pérez e Ricardo Varela achegarán a súa experiencia no MobileCONGalicia que se celebra en Compostela

luns, 7 de novembro do 2011 Fernando Sarasketa

Os desenvolvedores galegos de aplicacións para móbiles van estar, sen dúbida, máis acompañados a partir do día 9 de decembro, o día fixado para a celebración de MobileCONGalicia, un evento que xa anunciamos en Código Cero hai unha semana e que, cada pouco, vai xerando novidades na Rede, sobre todo referentes ao programa de relatores participantes. Programa que xa avanzamos daquela e que vén de recibir a incorporación de Elena Pérez (cofundadora de Spartanbits, a empresa responsábel do éxito de Go!Chat for Facebook) e Ricardo Varela (responsábel dos laboratorios Joint Innovation de Vodafone e director de produto de WAC (Wholesale Applications Community).
MobileConGalicia, como dixemos, é un evento centrado no desenvolvemento de aplicacións para trebellos, unha xuntanza nova en tódolos sentidos para a nosa terra, sendo o seu obxectivo “achegar as novidades do sector, crear unha comunicación estreita entre os desenvolvedores e contribuír á súa formación”. As xornadas incluirán, de xeito complementario, unha nova entrega do AppCircus, concurso de programas e recursos cun amplo potencial para servir de escaparate ao mellor da nosa creatividade aplicada aos dispositivos (de feito, óptase a unha praza para presentar os nosos traballos no Mobile World Congress de Barcelona, en febreiro do ano 2012) e que recala en Compostela logo de ter visitado máis de 50 cidades de todo o mundo.
Xa nun plano menos oficial e volvendo a MobileCONGalicia, sinalar que a gran intención dos organizadores, segundo apuntan no seu blog, é ofrecerlles aos profesionais do sector unha boa oportunidade de aprender e, tamén, de pasalo ben e de coñecer aos restantes integrantes da comunidade de desenvolvedores que traballa na nosa terra, un sector laboral en clara progresión.

PUBLICIDADE