Electroactiva achegará a Compostela unha gran variedade de electrodomésticos intelixentes

luns, 22 de outubro do 2007 Raquel Noya

O vindeiro día 27 de outubro dará comezo no Multiusos Fontes do Sar en Santiago de Compostela a VI edición da feira Electroactiva, que este ano achega á capital galega un total de 52 expositores dos principais fabricantes de electrodomésticos do mundo.
As últimas novidades do sector e os electrodomésticos máis modernos serán os principais atractivos desta mostra que chega a súa sexta edición consolidada como un certame sectorial de referencia e único na nosa terra.
Entre outras innovacións, os asistentes a esta convocatoria poderán ver en directo electrodomésticos que falan co usuario e que o guían en todo intre no uso do aparello sen necesidade de consultar o manual de instrucións, así como modelos interactivos moito máis prácticos e eficaces que gañan en ergonomía e manexabilidade e que, tal como mandan os tempos, aforran enerxía e son máis respectuosos co medio ambiente.
Asemade, no marco desta feira, os organizadores ofrecerán sesións técnicas complementarias, entre as que cómpre salientar a presentación dun estudo anual de referencia para o sector titulado O observador da distribución, que revela as tendencias nacionais de consumo, cara onde vai o mercado e os intereses dos consumidores.
Os asistentes tamén poderán presenciar demostracións dos produtos e establecer os seus contactos de negocios cos representantes das marcas.
A feira, organizada polo Grupo Comercial Galego, GRUCOGA, responsable das cadeas Activa Galicia e Decoractiva en Galicia, está dirixida aos profesionais do sector dos electrodomésticos, informática e telefonía móbil, estando confirmada xa a participación de máis de 900 profesionais.
Na imaxe, Andrés Pérez e Ana Cerqueiro, xerente e secretaria de Marketing de Activa Galicia respectivamente na presentación de Electroactiva no Club Internacional de Prensa.

PUBLICIDADE