ElPaís.com non lidera a web española segundo Nielsen/Netratings

mércores, 26 de setembro do 2007 Marcus Fernández

Os últimos datos de Nielsen/Netratings recortan un 37% o tráfico de ElPaís.com

A consultora Nielsen/Netratings revisou as cifras de audiencia en Internet das publicacións dixitais en España respondendo a unha denuncia de ADN que advertían dun erro nas medicións que levaba a ElPaís.com a elevarse coma o líder da prensa electrónica en España, quedando por detrás da edición dixital de El Mundo e do grupo de publicacións de Vocento.
Segundo parece, o erro naceu da incorrecta incorporación do número de acceso ós fluxos RSS de El País coma tráfico da súa web (que no mes de xullo supuxo o 48,44% dos seu tráfico), cando non se considera así no resto de webs auditadas, o que distorsionou a comparación das distintas páxinas en España. Dende Nielsen/Netratings non consideran que os RSS correspondan a tráfico dunha páxina web, pois o normal é que se publiquen tales contidos en webs alleas (a xeito de titulares).
Outro detalle destacable da información elaborada pola mencionada consultora é que a Wikipedia xa recibe máis visitas que El Mundo, El País ou 20 Minutos, de xeito que lidera as webs de novas e información en España, o que podería responder ó bo tratamento que lle dá Google a esta enciclopedia colaborativa en liña.

PUBLICIDADE