ElMundo.es estrea os seus Mundotoons

luns, 29 de outubro do 2007 Marcus Fernández

A edición dixital do xornal El Mundo estreou os Mundotoons, que é un espazo humorístico de nova creación baseado en animacións tridimensionais nas que representan a xeito de parodia ós políticos españois e que chegarán a xeito de entregas diarias, seguindo as estela dos Marcatoons.
Para esta innovadora proposta, El Mundo conta cun equipo de 11 persoas que traballan durante horas para crear uns sketches dinámicos e divertidos que buscarán amosar a cara máis simpática da actualidade política.

Os Mundotoons facendo burla da campaña Con Z de Zapatero

Para a estrea empregaron coma inspiración a campaña de Con Z de Zapatero para presentar a un presidente do Goberno vestido de El Zorro mentres que a breve historia amosada está narrada pola voz de José María Aznar. Nos seguintes días poderemos ver a máis personaxes coma Mariano Rajoy, José Bono, José Blanco, Eduardo Zaplana, Ángel Acebes, Esperanza Aguirre, Alberto Ruiz- Gallardón ou Gaspar Llamazares, que serán obxecto de broma.
Os gráficos tridimensionais contan co soporte das voces de Javier Valero e Luisa Ezquerra, que imitan o estilo e ton dos políticos españois, algo no que Valero ten bastante experiencia, pois ata o pasado verán facía o propio en Los Guiñoles (de Canal + e Cuatro).
Hai que destacar que a produción desta serie cómica é sumamente complexa por mor da velocidade da súa animación, xa que as entregas son diarias e iso supón un traballo contra-reloxo máis complexo que a animación con monicreques.
Podemos ver unha presentación de moitos dos personaxes desta serie cómica a continuación:

PUBLICIDADE