El Correo Gallego recúa na súa edición en liña

mércores, 28 de setembro do 2011 Marcus Fernández

Imaxe da redacción de El Correo Gallego durante a estrea do seu actual deseño en papel

A conxuntura económica actual coincidindo coa chegada da dixitalización aos medios de comunicación está a levar a algunhas empresas do sector a tomar decisións rechamantes, por ir contracorrente, como vén de facer El Correo Galego, diario compostelán que dá un paso atrás ao anunciar que vai deixar de publicar todos os contidos da súa edición impresa na web, como fan os seus principais competidores, para deixar na Rede só os contidos de actualidade, centrados «na inmediatez e na interacción cos lectores», mentres que a «información máis elaborada, interpretada, reflexión e análise» serán exclusiva da edición en papel do xornal, o que claramente supón unha diminución da difusión de tal información.
Este cambio lembra lixeiramente ao que fixo Xornal de Galicia hai un par de anos ao facer que as súas informacións exclusivas aparecesen en primicia en papel, adiando a súa publicación na web, medida que foi moi criticada, pois non parecía que iso fose a mellorar realmente as súas vendas en soporte físico (o que demostrou o tempo) á vez que limitaba a información dispoñible para os seus lectores en liña (que nalgúns casos podían ler na Rede ecos da nova en papel a través doutros medios de comunicación, de aí que este tipo de medida pareza como pegarse un tiro nun pé).
Tamén resulta paradoxal que mentres o Grupo Correo Gallego pecha a edición impresa de Galicia Hoxe, busque potenciar El Correo Gallego en papel; especialmente se temos en conta que estamos nun momento no que parece claro que o futuro da comunicación está na Rede, que é onde están os lectores. Se engadimos á receita que a aposta do Grupo polas actuais plataformas de redes sociais é moi feble, temos un prato de difícil dixestión, que reflicte unha estratexia de futuro errática e pouco definida.

PUBLICIDADE