El Correo Gallego publica o seu primeiro e-book

luns, 15 de outubro do 2012 Marcus Fernández

O diario El Correo Gallego quere ser pioneiro entre os medios de comunicación galegos cunha liña editorial de libros electrónicos que veñen de estrear con Nuevas tecnologías, cómo entenderas. Hoy el futuro... ya es presente, de Xabier Sanmartín Cuevas, que recompila neste volume as súas reportaxes sobre o mundo tecnolóxico publicadas na sección de Tendencias do xornal compostelán, precedendo esta serie de artigos cun prólogo do enxeñeiro en Informática e emprendedor Álex Barrera. O primeiro e-book de El Correo Gallego pode descargarse de balde en formato PDF, ePUB e Mobipocket, facilitando a súa lectura tanto no ordenador como en distintos eReaders e dispositivos móbiles.
Este novo e-book recolle as tendencias sociais, culturais e económicas que xera a revolución impulsada pola Internet e os novos dispositivos electrónicos a través de reportaxes (nas que aborda temas como a figura de Steve Jobs ou o uso das redes sociais en España) e entrevistas a profesionais e empresarios do sector TIC, contidos que ao tomar a forma de libro animan á súa lectura repousada.

Xabier Sanmartín Cuevas


O xornalista natural de Bilbao traballa no Grupo Correo Gallego dende 1993 e escribe na sección de Tendencias do diario El Correo Gallego dende 2010, espazo no que aborda en numerosas ocasións temas relativos ao sector TIC tanto galego como global. Esta actividade compaxinouna con espazos en radio e televisión do mesmo grupo, así como o blog Galicia Basket e algunhas colaboracións (durante o seu tempo de lecer) noutras publicacións culturais e dixitais.

PUBLICIDADE