El Cañonazo abrirá as actividades da nova edición do laboratorio coruñés #LAIC

xoves, 28 de novembro do 2019 Fernando Sarasketa

Este mes de decembro será un mes de innovación e creatividade tecnolóxica arredor do audiovisual. Boa parte da culpa disto vaina ter a reactivación do #LAIC, o Laboratorio Audiovisual de Innovación e Creación da Coruña: un ciclo de encontros formativos para persoas interesadas na cultura audiovisual contemporánea, os novos medios e a transformación dixital. Esta nova edición xirará arredor da creación dixital transmedia; é dicir, de historias que se expanden en múltiples dispositivos e formatos, cunha participación activa dos públicos. Estes días pasados puidemos coñecer algunhas das propostas concretas da nova tempada. Por exemplo a participación da produtora El Cañonazo.
O #LAIC comezará a súa andadura da man de Roger Casas-Alatriste, fundador da produtora transmedia El Cañonazo, referente no ámbito das novas narrativas: as que rompen formatos, continentes e mesmo contidos. Do seu seo, de feito, teñen abrollado proxectos tan innovadores como o universo transmedia de La Zona e, o máis recente de todos, La Peste.
Roger Casas-Alatriste desenvolverá dúas sesións sobre Universos Transmedia no centro Ágora:
· 17 de decembro. Charla sobre tendencias e posibilidades no sector audiovisual (19:00-20:30)
· 18 de decembro. Encaixando as pezas dun proxecto transmedia: sesión práctica (10:00-12:30)
Segundo informa o Concello da Coruña, trátase novamente de propostas gratuítas, pero con prazas limitadas, nas que podemos inscribirnos dende xa a través dun formulario específico habilitado, no que atoparemos a posibilidade de escoller unha actividade ou de anotarnos nas dúas.
Máis datos da nova edición
O comisario do programa de actividades do laboratorio, o xestor cultural Sergio Lago, explicou recentemente que o #LAIC deste ano “estará moito máis vinculado á creación dixital transmedia e traballará coa comunidade técnica da cidade adicada á creación audiovisual, á programación informática e aos novos escenarios de realidade virtual, xa que temos grandes referencias na cidade neste ámbito”.
Logo destas sesións de decembro o #LAIC retomará, dende a volta do Nadal e ata finais de marzo, a súa actividade con sesións semanais no Centro Ágora.
Dende as redes de Coruña Dixital anunciaranse de maneira gradual cada unha das citas e abrirase a inscrición nas charlas e talleres do #LAIC que, como todas as actividades do programa, serán de balde.

PUBLICIDADE