Eivissa acolle o 3º Congreso de Metaversos e Redes sociais

venres, 11 de marzo do 2011 Raquel Noya

O Observatorio Explor3D, dedicado ao desenvolvemento e divulgación de accións tecnolóxicas a nivel nacional e internacional, vén de anunciar a celebración do III Congreso de Metaversos, Web3D e Redes sociais, dirixido a educadores, universitarios e profesionais relacionados co mundo virtual en tódalas súas facetas.
O congreso, que se celebrará en Eivissa os días 28 e 29 de abril, tamén vai enfocado, en certa medida, a todas aquelas persoas interesadas en familiarizarse ou coñecer máis de preto todo o relacionado coa Rede e as TIC, e para o seu desenvolvemento conta co apoio institucional de Red.es.
As xornadas ofrecerán información de primeia man sobre as posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías aplicadas a eidos tan diversos como a educación, a formación, o traballo, a economía, a publicidade ou a arte, entre outros.
Tamén se darán a coñecer as investigacións realizadas ata o momento en materia de mundos virtuais, novas tecnoloxías e tendencias comunicativas, o que permitirá que as persoas asistentes poidan planear os seus propios proxectos TIC interdisciplinares.
Cabe destacar, asemade, que o Congreso acollerá unha Feira na que as diferentes universidades nacionais e internacionais poderán dar a coñecer os proxectos máis interesantes que desenvolvan en torno á aplicación das TIC a algún dos eidos mencionados.

PUBLICIDADE